Nova
10/02/2017
Federativas

A secretaria xeral para o Deporte anima ao Club Universitario de Ferrol na súa participación na Copa da Raíña e asegura que “teñen madeira de sobra para traer a copa de volta a Galicia”

O debut do Star Center Universitario de Ferrol será esta mesma tarde ás 18,45 horas contra o Lacturale Araski de Vitoria. O partido será retransmitido pola web da CRTVG

Xirona, 10 de febreiro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, achegouse na mañá de hoxe ao pavillón municipal de Xirona para animar ao equipo e as xogadoras do Star Center Universitario de Ferrol que afronta esta fin de semana a súa primeira participación na Copa Raíña de Baloncesto. A máxima responsable do deporte a nivel autonómico, asegurou que “a presenza dun club de Galicia nunha das competicións máis importantes do baloncesto feminino xa é un motivo de orgullo e satisfacción para todos”. Ademais, a secretaria xeral amosou a súa “confianza plena nas posibilidades do equipo ferrolán” porque as súas xogadoras “teñen madeira de sobra para traer a copa de volta a Galicia”.
Os cinco mellores equipos da primeira volta da Liga Feminina de Baloncesto e o equipo anfitrión disputan cada ano a Copa da Raíña de Baloncesto, que este ano celébrase na localidade catalá de Xirona. O debut do Star Center Universitario de Ferrol será esta mesma tarde ás 18,45 horas contra o Lacturale Araski de Vitoria. O partido será retransmitido pola web da CRTVG.
Ademais, os cuartos de final complétanse co partido que disputarán hoxe ás 21,00 horas o Lointek Gernika Bizkaia e o CB Al-Qázeres Extremadura. Nas semifinais xa agardan o anfitrión, o Spar Citylift Girona e o líder da Liga Feminina, o Perfumerías Avenida de Salamanca.