Nova
12/07/2019
Institucionais

A Secretaría Xeral para o Deporte asina o convenio de patrocinio para o Campionato do Mundo Júnior de Balonmán

Previamente ao acto de sinatura no CGTD, o secretario xeral clausurou o Open Master Coach, un curso para obter a titulación europea de adestrador de balonmán que contou con figuras como Entrerríos, Garabaya, García Parrondo ou Jordi Ribera

Pontevedra, 11 de xullo de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asinou esta mañá no Centro Galego de Tecnificación Deportiva o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Balonmán, representada pola súa vicepresidenta, Alicia Montes, para o patrocinio do Campionato de Mundo Júnior de Balonmán 2019 que terá lugar en Pontevedra e Vigo do 16 ao 28 de xullo. Segundo o texto do acordo, a Secretaría Xeral para o Deporte financia á Federación Galega de Balonmán con 18.000 euros.

O secretario xeral para o Deporte asegurou que, “desde a Xunta queremos aproveitar as sinerxías do deporte como factor e fonte de crecemento económico e emprego, motor da innovación e elemento clave de educación e así o facemos apoiando a celebración de eventos deportivos, xeradores de impactos no sector turístico”. “Este é o caso do Mundial Júnior de Balonmano que volve a Galicia e a Pontevedra 30 anos despois”, sentenciou.

Neste sentido destacou a “aposta decidida” da Xunta de Galicia polo balonmán como demostra o crecemento do 37% do convenio para o desenvolvemento das actividades deportivas da propia Federación Galega e que sobrepasa os 200.000 euros grazas ao apoio da Secretaria Xeral para o Deporte e dunha achega de 16.200 euros de Igualdade.

Open Master Coach

Ademais, dentro deste convenio tamén se regula o patrocinio que a Secretaría Xeral para o Deporte realiza do curso Open Master Coach de adestrador de balonmán, ademais de ceder as instalacións do CGTD para levar a cabo o programa formativo desta titulación europea clausurado no día de hoxe polo secretario xeral para o Deporte.

O Open Master Coach de Pontevedra reuniu a ex xogadores de balonmán, agora adestradores, da categoría de Alberto Entrerríos, Rubén Garabaya ou Roberto García Parrondo, que vén de proclamarse campión de Europa co seu club, o RK Vardar macedonio. Ademais, o secretario xeral citou nas súas verbas a algúns dos profesores máis afamados do curso entre os que destacou os actuais adestradores das seleccións españolas júnior, feminina e masculina, como son, Isidoro Martínez, Carlos Viver e Jordi Ribera.

O mandatario galego apuntou que Pontevedra xa respira balonmán grazas a este”excepcional curso patrocinado pola Xunta de Galicia de tres módulos e 160 horas de traballo que termina na xornada de hoxe”. Do mesmo xeito, Lete Lasa, gabou a figura do adestrador de balonmán asegurando que “o papel do adestrador non é só procurar esquemas e debuxos tácticos que poidan danar a liña de flotación do equipo rival, senón tamén motivare arengar aos seus pupilos para que saquen o mellor de si mesmos”.

O titular do Deporte galego manifestou o seu desexo de que todo este traballo axude a que o balonmán galego siga medrando como o está a facer nosúltimos dez anos cun aumento do número de licenzas dun 71% ata situarse nas máis de 8.000 fichas actuais. Do total de licenzas federativas, pretodo 40% corresponden a mulleres.