Nova
14/12/2016
Federativas

A secretaria xeral para o Deporte compromete traballo sen descanso e apoio constante aos atletas galegos nestes próximos catro anos

Solicita aos deportistas da provincia, e por extensión a todos os atletas de Galicia, non cesar “no empeño por ser cada día mellores, porque así estaredes contribuíndo a facer de Galicia un lugar mellor”

Ourense, 14 de decembro de 2016.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, asistiu no serán de hoxe á entrega dos premios da XV Gran Gala +Deporte celebrada polo xornal La Región e que recoñece aos mellores deportistas absolutos, veteranos e base así como aos mellores equipos e escolas deportivas da provincia ourensá. Alí, a máxima responsable autonómica do deporte asegurou que “ser secretaria xeral para o Deporte é unha honra soamente comparable á responsabilidade e ao traballo que levaremos a cabo nestes próximos catro anos”. Do mesmo xeito, Míguez Telle solicitou aos deportistas da provincia, e por extensión a todos os atletas de Galicia, non cesar “no empeño por ser cada día mellores, porque así estaredes contribuíndo a facer de Galicia un lugar mellor”. “Nós tampouco cesaremos nunca de apoiarvos no voso camiño”, concluíu.
No evento celebrado no Auditorio Municipal de Ourense, Marta Míguez destacou o currículo e felicitou aos deportistas e clubs finalistas. Na categoría de mellor deportista absoluto masculino, os finalistas foron Gabriel Campo Pavón, José Alfonso Palomanes e Pablo Rodríguez Guede nas modalidades de piragüismo, atletismo e bicicleta de montaña, respectivamente. Yael Campelo, Iria Saeta e Vanessa Sotelo foron as nomeadas á mellor deportista feminina polos seus éxitos en ximnasia e fútbol sala. Por outra banda, Rubén Diz (atletismo), Jesús Rodríguez León (piragüismo) e Roberto Rodríguez Vázquez (tenis), na categoría masculina e mais Emilia Mesa Soriano (atletismo), Mónica Yáñez Pérez (atletismo) e Mónica Piñeiro (piragüismo), na feminina, foron os deportistas candidatos aos premios aos deportistas veteranos.
No que respecta ao deporte base, do que a secretaria xeral destacou a súa importancia para “contar con bos deportistas e atletas no día do mañá, e consolidar uns hábitos de vida saudable que serán polos que se rexan os adultos do futuro”, os finalistas foron Iván Feijóo en BTT, Miguel Barbado en bádminton, Alex Cid Masid en ximnasia, Andrea Bello en salvamento e socorrismo, María Salas Cid en ximnasia e Paula Ginzo en baloncesto. Os equipos do Campus Ourense Coosur Rugby Club, o Adas O Barco de atletismo e o Aceites Abril de Vela, optaron ao premio ao mellor equipo de categoría absoluta e o Club Ciclista Maceda de Mountain Bike, o equipo Sincro Ourense Infantil de natación sincronizada e o Club Ximnasia Pavillón de Trampolín, o fixeron na categoría base.Por último, a escola Ourense Atletismo, o Club Baloncesto Allariz e o Club Voleibol San Martiño-Dompa Gestión foron finalistas do premio á mellor escola deportiva.
Nas súas verbas, Marta Míguez tamén tivo palabras de agradecemento á La Región por “non deixar que este día de festividade, deporte e ourensanía esmoreza”