Nova
17/05/2020
Institucionais

A Secretaría Xeral para o Deporte continúa a súa rolda de encontros coas federacións galegas que acadan importantes logros como a reactivación da caza e da pesca

  • O secretario xeral traballou, nomeadamente, no Plan de Reactivación do Deporte Galego cuxa ferramenta FISICOVID-DXTGALEGO de identificación de situacións de contaxio na práctica deportiva foi presentada o venres ás 58 federacións

Santiago, 17 de maio de 2020-. A Secretaría Xeral para o Deporte continua coa súa serie de encontros virtuais con todo o tecido deportivo galego para estudar as diferentes medidas a tomar para minimizar os prexuízos da declaración do estado de alarma por mor do coronavirus no eido deportivo. Esta semana foi a quenda das federacións deportivas galegas de bádminton, ximnasia, piragüismo, squash, patinaxe, kárate, halterofilia, deporte adaptado, rugby e caza, ademais das escuderías de Galicia e da Asociación Ría de Vigo de Entidades Náuticas. Con todas elas, o secretario xeral traballou, nomeadamente, no Plan de Reactivación do Deporte Galego cuxa ferramenta FISICOVID-DXTGALEGO de identificación de situacións de contaxio na práctica deportiva foi presentada o venres ás 58 federacións.

Federación Galega de Caza

Lete Lasa e o presidente da federación galega, Javier Nogueira avaliaron a prohibición da caza e as posibilidades de trocar unha decisión inxusta que desatendía os argumentos técnicos. Neste sentido, ao igual que na pesca, tanto a Xunta de Galicia como a federación, remitiron ao Ministerio de Sanidade a súa postura de desacordo acadando a rectificación confirmada coa orde do 16 de maio que permite a práctica de ambas disciplinas deportivas en todas as súas vertentes.

Federación Galega de Bádminton

Tras analizar a situación económica e a execución do convenio, secretario xeral e presidente, Rodrigo Sanjurjo, estudaron as posibilidades de retomar a actividade deportiva no mes de outubro, na liña formulada pola Federación Española e a realización do Campionato de España en Idade Escolar que podería acoller Galicia no mes de decembro se a situación o permite. Do mesmo xeito traballouse na coordinación dos adestramentos dos 8 deportistas -6 internos e 2 externos- do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para cumprir todas as medidas necesarias.

Federación Galega de Ximnasia

Analizouse o futuro inmediato da actividade deportiva en relación á apertura das instalacións onde se exercitan os clubs, unha cuestión que o secretario xeral abordou o pasado martes na xuntanza virtual que mantivo coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). O presidente da federación de ximnasia, José Manuel Estévez, informou dun plan de continxencia no que traballa a entidade galega e avaliouse a posibilidade de que os escolares poidan competir no último trimestre do ano sempre que a situación o permita.

Federación Galega de Piragüismo (Verducido)

Estudáronse os traballos a levar a cabo para a apetura do centro de piragüismo de Verducido que xa dispón dun protocolo básico de actuación xunto ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva e o Centro Galego de Vela. Este inicio de actividade está vinculado aos deportistas de alto nivel (DAN), deportistas galegos de alto nivel (DGAN) e bolseiros do CGTD.

Federación Galega de Squash

Secretario xeral e presidente, José Carlos Noya, analizaron a campaña que a federación galega levou a cabo nos centros escolares vinculada á campaña contra a violencia financiada pola Xunta de Galiciaa. O obxectivo é retomar a actividade deportiva no mes de setembro, en consonancia coa apertura de todas as instalacións e seguindo un protocolo no que xa se está a traballar.

Federación Galega de Patinaxe

Lete Lasa e o presidente da federación, Julio Parga, estudaron as posibilidades de concluír as competicións galegas da tempada 2019/2020 e a previsión de que no último fin de semana de setembro teñan lugar os campionatos nacionais de hóckey patíns, hóckey liña e roller derby. Para o resto das modalidades deportivas, a maioría de torneos atópanse aprazados, polo que non se realizarán. A previsión é realizar os campionatos galegos cara a fin do ano. A tempada 2020/2021 podería comezar en setembro e adiar os Campionatos de España.

Federación Galega de Kárate

O director técnico, Óscar Lafuente anunciou que a federación traballa nun protocolo avanzado e elaborado por un equipo técnico da federación nacional. Estudouse a posibilidade de que a federación galega se adhira ao programa Xogade 6-16 a través do que a Xunta de Galicia financia integramente o seguro deportivo, como incentivo para a volta á actividade deportiva para a vindeira tempada. A temporaa deportiva actual atópase cancelada e aprazada. O campionato galego infantil e de clubs poderían realizarse no último trimestre do ano.

Federación Galega de Halterofilia

Informouse ao presidente, José Manuel Tubío, da programación da formación online do bloque común del nivel I da Escola Galega do Deporte. A tempada 2019/2020 atópase suspendida pero a federación quere manter as competicións programadas. A federación española vén de reorganizar de maneira conxunta os campionatos júnior e absoluto en Vigo e A Coruña mantense como sede da Copa do Rei. A Liga de clubs da federación española está suspendida e a Liga galega mantense, polo de agora, para outubro.

Federación Galega de Deporte Adaptado

O presidente da federación, Marcos Casal, informou no protocolo no que está a traballar a entidade, coas dificultades engadidas que presentan a cantidade de modalidades deportivas practicadas polos seus deportistas polo que o Plan de Reactivación do Deporte Galego servirá de apoio. A tempada 2020 atópase recalendarizada para o último trimestre do ano, incluíndo o Campionato de España.

Federación Galega de Rugby

Analizouse co presidente da federación, José Ignacio Cociña, a situación deportiva e financeira da federación, xunto co plan de volta á actividade. A tempada actual atópase suspendida e prevese realizar unha fase de ascenso á categoría sénior en setembro. Trabállase na idea de comezar a tempada 2021 nos meses de outubro ou novembro.

Reunión Escudarías Galegas

Ademais do presidente da federación galega participaron as escudarías de Siroco Narón, Rally Rías Baixas, Escudería Lalín-Deza, Surco Escudería A Pontenova, Escudería Torres, Cuntis, entre outros. Todos eles analizaron a situación actual e a posibilidade de celebración dos espectáculos deportivos con total garantía desde o punto de vista sanitario e de viabilidade para as escudarías.

Asociación Ría de Vigo de Entidades Náuticas (ARIVEN)

Analízase o informe de ARIVEN sobre o impacto do Covid-19 na actividade náutica da Ría de Vigo. Neste sentido, o secretario xeral informou do Plan de Reactivación do Deporte Galego que incluirá medidas específicas para a náutica polo que acórdase traballar de maneira conxunta.

O enderezo electrónico para as consultas estritamente deportivas como consecuencia da situación de COVID-19 segue funcionado a pleno rendemento para clubs e federacións (incidencias-federacions.deporte@xunta.gal).