Nova
20/12/2019
Institucionais

A Secretaría Xeral para o Deporte mantén firme o seu compromiso coa reforma das pistas de Balaídos diante do sector do atletismo vigués

A Secretaría Xeral para o Deporte reserva nos seus orzamentos unha partida específica para o inicio inmediato da obra do complexo polo que agarda que o Concello de Vigo asine o convenio e expida a licencia municipal canto antes

Vigo, 19 de decembro de 2019.-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo no serán de hoxe unha xuntanza cos representantes dos clubs de atletismo da cidade de Vigo para abordar as necesidades e posibles vías de colaboración co atletismo olívico.

Na reunión mantida nas dependencias da Casa do Deporte, o responsable do Deporte galego informou aos asistentes dos plans da Secretaría Xeral para o Deporte para a vindeira tempada así como as principais liñas de axuda ás que as entidades deportivas poderán optar.

Tocante as pistas de atletismo de Balaídos, o secretario xeral para o Deporte, ratificou o compromiso da Xunta coa reforma desta infraestrutura, un compromiso expresado en 2014 e acordado co Concello de Vigo. Deste xeito, a actuación valorada en 2,7 millóns de euros sería financiada pola Xunta de Galicia con 2,3 millóns e polo Concello, que poría os restantes 400.000 euros.

Os orzamentos da Secretaría Xeral para o Deporte para 2020 prevén unha partida específica para o inicio inmediato da obra do complexo de atletismo de Balaídos. Neste sentido, a Xunta de Galicia agarda que o Concello de Vigo asine o convenio e expida a licencia municipal para comezar as obras canto antes.

O proxecto inclúe a renovación do pavimento, vestiarios, gradas, torre de xuíces e a construción dun módulo cuberto para adestramentos.