Nova
01/02/2017
Federativas

A secretaria xeral para o Deporte participa na Noite do Deporte de Xantar e destaca “o gran interese que suscita o deporte en todos os eidos do noso país”

Manifesta a súa ledicia “ao ver como a cidade de Ourense vai medrando e mellorando co paso dos anos” grazas a eventos como a décimo oitava edición de Xantar ou ás obras que se levan a cabo en Expourense para construír a primeira pista de atletismo hidráulica cuberta de Galicia e unha das tres mellores de España

Ourense, 1 de febreiro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou na noite de hoxe na Noite do deporte que o Salón internacional de turismo gastronómico Xantar celebra ao inicio de cada edición en Expourense. A máxima responsable do deporte a nivel autonómico destacou “o gran interese que suscita o deporte en todos os eidos do noso país” e sinalou que “a actividade deportiva chega xa a máis do 70% da poboación galega”, uns números que, dixo a secretaria, “seguirán medrando”.
Na Noite do Deporte, a secretaria xeral estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz. Marta Míguez tamén destacou o bo momento que atravesa Xantar, “un evento gastronómico, social e cultural que xa se consolida como a única feira internacional de turismo gastronómico de España e que neste ano alcanza a súa maioría de idade”.
Así pois, a titular de Deporte manifestou a súa ledicia “ao ver como a cidade de Ourense vai medrando e mellorando co paso dos anos”. Nesta liña falou da importancia desta décimo oitava edición de Xantar, das obras que se levan a cabo en Expourense para construír a primeira pista de atletismo hidráulica cuberta de Galicia e unha das  tres mellores de España, ou do “excelente estado de saúde” que vive o deporte galego.
Como conclusión, Marta Míguez animou aos deportistas e clubs da cidade presentes na velada a seguir “adestrando e contribuíndo a facer mellor á cidade e á provincia de Ourense”.