Nova
06/06/2019
Institucionais

A Secretaría Xeral para o Deporte recomenda suspender as actividades deportivas ao aire libre no noroeste, oeste e suroeste da Coruña, nas Rías Baixas e na Mariña lucense

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia activou alerta laranxa por un episodio de fenómenos meteorolóxicos adversos para Galicia, tipoloxía de vento, indicando que se adopten as medidas preventivas necesarias

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2019.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia activou a alerta laranxa por un episodio de fenómenos meteorolóxicos adversos para Galicia, tipoloxía de vento, indicando que se adopten as medidas preventivas necesarias.

No caso dos ventos, agárdanse refachos de ata 120 km/h que afectará a Coruña (Noroeste, Oeste, Suroeste) e Pontevedra (Rias Baixas) comezando a partir das 12 horas de hoxe e prolongándose ata as últimas horas da tarde. Ademais, tamén se producirán ventos con refachos de ata 110 km/h que afectarán á Mariña lucense comezando ás 15 horas de hoxe e prolongándose, do mesmo xeito, ata as últimas horas da tarde.

Por este motivo, desde a Secretaría Xeral para o Deporte ínstase á suspensión de todas as actividades deportivas ao aire libre durante o día de hoxe nas zonas afectadas.

A Secretaría Xeral para o Deporte pretende deste xeito preservar a seguridade dos deportistas, adestradores, árbitros ou xuíces, afeccionados, operarios e garantir que non se produza incidencia algunha nas instalacións.

No caso de precisar información máis puntual ou detallada, débese chamar ao Centro integrado de Atención de Emerxencias 112 Galicia, ou consultar a páxina web da AEMET: www.aemet.es., do CAE 112: www.axega112.gal e de Meteogalicia: www.meteogalicia.es.