Nova
20/12/2016
Federativas

A secretaria xeral para o Deporte visita o Centro Galego de Tecnificación Deportiva ao que define como “o referente da excelencia competitiva do deporte galego”

Marta Míguez asegura que esta infraestrutura, nada en 1987, é “un moderno complexo deportivo no que se formaron os mellores deportistas da nosa Comunidade e, na actualidade, dá cabida ós principais deportistas e promesas do deporte galego”

Pontevedra, 20 de decembro de 2016.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, visitou no serán de hoxe os diferentes espazos do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) onde mantivo un encontro cos deportistas e persoal do centro. Alí, Marta Míguez destacou ao CGTD como “o referente da excelencia competitiva do deporte galego”. “Unha excelencia que contempla tamén, a formación académica dos deportistas, na finalidade de acadar a súa formación integral”, engadiu.
A responsable do Deporte da Xunta de Galicia asegurou que esta infraestrutura, nada en 1987, é “un moderno complexo deportivo no que se formaron os mellores deportistas da nosa Comunidade e, na actualidade, dá cabida ós principais deportistas e promesas do deporte galego”.
Nas súas verbas, a secretaria xeral lembrou aos 18 deportistas olímpicos e 2 paralímpicos que chegaron á cima das súas modalidades logo de formarse no CGTD, así como as 11 medallas olímpicas que colleitaron desde os Xogos Olímpicos de Sydney 2000. Nesta liña, Marta Míguez animou aos deportistas do CGTD a seguir a estela destes campións galegos para continuar achegando éxitos para Galicia e comprometeu o apoio e a colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte neste camiño.
CGTD 
Desde a súa posta en marcha, o Centro contou con diversas seccións deportivas: bádminton, natación sincronizada,  voleibol,  atletismo, ciclismo BTT, judo, loita, natación, piragüismo, remo, taekwondo, tenis ou tríatlon.
Cada ano a Xunta publica a convocatoria dos programas de tecnificación e rendemento deportivo co obxecto da concesión das bolsas para o CGTD, co fin de facilitar o adestramento dos deportistas a través dun clima de convivencia entre atletas de diferentes especialidades. Estes programas favorecen o desenvolvemento persoal e facilitan a mellora do rendemento deportivo para alcanzar o máximo nivel competitivo.