Nova
10/11/2021
Institucionais

Teresa Portela e o complexo de Verducido guiarán ás mellores padexeiras nacionais ata París 2024

Lete Lasa subliña o “evidente peso galego” do programa ‘Muller Kayak’ e destaca que non é a primeira vez que a Real Federación Española escolle a Galicia como epicentro do piragüismo nacional lembrando que Verducido tamén é o lugar de preparación do Campionato do Mundo Júnior, sub 23 e absoluto na modalidade de canoa masculina e canoa feminina de augas tranquilas así como o desenvolvemento do programa de alto rendemento da modalidade 

Pontevedra, 10 de novembro de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa participou na mañá de hoxe da presentación do ‘Programa de alto rendemento na modalidade muller kayak’ da Real Federación Española de Piragüismo no Centro de Piragüismo David Cal de Pontillón de Castro, en Verducido. Un programa que, dende o 1 de novembro do presente ano ata os Xogos Olímpicos de París 2024 formará e preparará as sete mellores padexeiras nacionais na modalidade de caiac e as que contan con maiores opcións de clasificación olímpica. Este programa é froito dun convenio asinado entre a Xunta de Galicia, a Real Federación Española de Piragüismo e a Federación Galega de Piragüismo. No acto que tivo lugar no salón de actos do complexo náutico de Verducido tamén participaron os presidentes das federacións española e galega, Pedro Pablo Barrios e José Alfredo Bea, as participantes do programa, así como o director técnico do proxecto, o tamén galego Daniel Brage.

Lete Lasa amosou a súa satisfacción de que Teresa Portela “cumprira a súa ameaza” de prepararse para participar nos seus sétimos Xogos Olímpicos e de que ademais o faga na que é a súa casa desde o ano 2009, o CGTD é o complexo náutico de Verducido. Ademais animou tamén ás demais participantes do programa como son as padexeiras Mirian Vega do Grupo Cultural Covadonga, Begoña Lazcano do Donostia Kayak, Sara Ouzande do Kayak Tudense, Laia Pelachs do Club Natación Bañoles, Mirella Vázquez do Club Deportivo Fresno de la Ribera e a tamén galega, Carolina García do Náutico de Sevilla, que estivo a piques de clasificarse para Toquio e que “sen dúbida o logrará nos Xogos de París”. Para o secretario xeral, Teresa Portela, “a única medallista na historia do piragüismo español en augas tranquilas e a única muller española capaz de clasificarse para seis citas olímpicas, que en París serán sete, é a mellor líder desta xeración”. O secretario xeral tamén tivo palabras de agradecemento para as padeeiras da FEGAPI, Irene Lata e Lara Feijoo que “se nutrirán do gran coñecemento e experiencia das súas compañeiras ao longo do programa”. 

Lete Lasa subliñou o “evidente peso galego” do programa ‘Muller Kayak’ e destacou que non é a primeira vez que a Real Federación Española escolle a Galicia como epicentro do piragüismo nacional. Neste sentido destacou como, en agosto do presente curso, “firmamos un convenio que apostaba tamén por Verducido para a preparación dos adestramentos do Campionato do Mundo Júnior, sub 23 e absoluto na modalidade de canoa masculina e canoa feminina de augas tranquilas; así como o desenvolvemento do programa de alto rendemento na modalidade de canoa masculina en augas tranquilas”.
O mandatario galego destacou que, das 19 medallas históricas coas que conta España no medalleiro histórico dos Xogos Olímpicos, un total de 12 -o 63%- teñen acento galego. “Seguro que na vosa estancia aquí empaparédesvos dese acento e desa excelencia saída das padexadas de David Cal, Perucho, Ramos Misioné, Enrique Míguez, Cristian Toro, Rodrigo Germade, Carlos Arévalo e, sobre todo, Teresa Portela”.

Un convenio duns 225.000 euros
O convenio asinado a tres bandas para o desenvolvemento do Programa ‘Muller Kayak’ establece os compromisos asumidos por cada unha das partes asinantes. Deste xeito, os compromisos asumidos pola Real Federación Española de Piragüismo terán un custo aproximado de máis de 105.000 euros e serán seis embarcacións individuais K1, tres embarcacións dobres  K2, dúas embarcacións cuádruplas K4, unha furgoneta para o desprazamento de deportistas, un técnico responsable, o servizo de fisioterapia, aloxamento para seis deportistas e a súa manutención durante as fins de semana. 

Por parte da Secretaría Xeral para o Deporte, o custo dos compromisos asumidos ascende a uns 120.000 euros entre unha embarcación a motor para o seguimento do adestramento, un nutricionista, un psicólogo, un médico especialista en medicina do deporte, manutención durante a semana para seis deportistas, combustible para embarcacións e furgoneta, suplementación e axudas ergoxénicas, test de antíxenos COVID paraaas deportistas, hangar para as embarcacións, ximnasio, sala de ergómetros, sala de fisioterapia e sala de reunións.

Pola súa banda, a Federación Galega de Piragüismo comprométese a poñer a disposición do grupo ‘Muller Kayak’ as instalacións xestionadas pola FEGAPI, así como a colaborar cos los medios materiais e técnicos necesarios para o adestramento e competición dos deportistas do grupo de Alto Rendemento.