Nova
21/03/2020
Institucionais

Un 50% de deportistas e adestradores galegos e galegas participaron na primeira 'Píldora Solidaria' de adestramento mental que reuniu a 1.780 inscritos de 18 países

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destacou que queda claro que “Galicia quere adestrar, que o deporte galego non se vai quedar de brazos cruzados e prepararase do mellor xeito posible neste período de confinamento para regresar á competición nas mellores condicións, respectando sempre as medidas de seguridade para evitar o contaxio do coronavirus” 

Santiago, 21 de marzo de 2020.- No día de onte, a Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte (SIPD) co apoio da Universidad Liberquaré e d Secretaría Xeral para o Deporte, puxo en marcha a iniciativa ‘Píldoras Solidarias. Entrenamiento Mental’ cunha primeira entrega a cargo do presidente da SIPD, Joaquín Dosil, baixo o título ‘Deportista: ganar a competición persoal durante o confinamento’.

Esta primeira pílula solidaria, contou coa participación de 1.780 inscritos, dos que 887 foron deportistas e adestradores galegos e galegas, o 50%. Dos 18 países participantes, España (1.054) contou coa maior participación seguida de Arxentina (195), México (105), Colombia (98), Chile (78), Perú (56), Guatemala (38), Costa Rica (30), Brasil (28), Uruguai (27), Porto Rico (14), Portugal (11), Venezuela (11), Ecuador (9), Reública Dominicana (7), Bolivia (6), Paraguai (5) e outros países (8).

En canto o status de cada inscrito, a primeira pílula contou con 851 deportistas, 415 adestradores, 246 psicólogos deportivos, 87 pais e nais, 60 profesionais do deporte, 39 estudantes, 35 directivos e 47 persoas dedicadas a outras profesións. Dos 851 deportistas, 402 foron de alto nivel, sendo 174 DGAN, 65 doutras comunidades, 20 DAN, 35 do CSD e 108 doutros países.

Tocante ás modalidades deportivas, fútbol foi a máis representada (445) seguida de atletismo (163), baloncesto (124), tríatlon (54), voleibol (62), natación (60), tenis (58), balonmán (46), taekwondo (45), piragüismo (37), remo (33), ciclismo (30), tenis de mesa (25), hóckey (26) e rugby (18).

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destacou que á vista destes datos queda claro que “Galicia quere adestrar, que o deporte galego non se vai quedar de brazos cruzados e prepararase do mellor xeito posible neste período de confinamento para regresar á competición nas mellores condicións, respectando sempre as medidas de seguridade para evitar o contaxio do coronavirus”. Respecto ás pílulas solidarias, Lete Lasa destacou a gran calidade da primeira pílula de Joaquín Dosil enfocada “no optimismo e na capacidade de adaptación que deben ter todos os deportistas para superar este tipo de situacións e saír máis reforzados”. Do mesmo xeito lembrou que as pílulas solidarias dos vindeiros días contarán con grandes profesionais da psicoloxía deportiva e das que poderemos sacar grandes leccións.

Pílulas diarias de 10 minutos para combater o confinamento

O Goberno galego promove, apoia e difunde xunto a SIPD este programa nacido para axudar á preparación e motivación dos e das deportistas, técnicos e técnicas, así como todos os representantes do tecido deportivo neste período de confinamento derivado da declaración do estado de alarma pola expansión do coronavirus. Todos os días ás 18,00 horas as pílulas solidarias de 10 minutos de duración serán retransmitidas a través do servizo de vídeo conferencia Zoom e emitidas polas canles de facebook e instagram. Para participar nestas actividades cómpre completar o formulario presente nesta ligazón.