Nova
21/10/2019
Institucionais

Vicky Alonso e Susana Rodríguez Gacio tamén ‘fichan’ pola Xunta na súa campaña contra a violencia de xénero

Nos últimos meses xa asinaron os seus contratos de patrocinio as nadadoras María Vilas e Beatriz Gómez; os judokas María Bernabeu e Francisco Garrigós; o triatleta Javier Gómez Noya; os piragüistas Teresa Portela, Cristian Toro, Carlos Arévalo e Rodrigo Germade; os regatistas Támara Echegoyen, Nicolás Rodríguez e Iago López Marra; o remeiro Rodrigo Conde; o arqueiro Miguel Alvariño; o xogador de tenis de mesa, Alberto Seoane; Juan Antonio Saavedra, que compite en tiro adaptado; Agustín Alejos, xogador de baloncesto en cadeira de rodas; Martín de la Puente, xogador de tenis en cadeira de rodas e os atletas Adrián Ben e Ana Peleteiro

Santiago, 21 de outubro de 2019.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentaron hoxe dous novos contratos de patrocinio publicitarios con dúas deportistas de elite galegas clasificadas ou en fase de clasificación para os Xogos Olímpicos de Toquio 2020 para que participen en campañas de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero.

Nesta ocasión, asináronse os contratos coa xogadora de baloncesto en cadeira de rodas, María Victoria ‘Vicky’ Alonso Vilariño e, pola outra, a paratriatleta Susana Rodríguez Gacio. Estas dúas deportistas referentes súmanse así como aliadas da Xunta na loita contra a violencia de xénero e na promoción da igualdade entre homes e mulleres no deporte e na vida.

Nos últimos meses xa asinaron os seus contratos de patrocinio as nadadoras María Vilas e Beatriz Gómez; os judokas María Bernabeu e Francisco Garrigós; o triatleta Javier Gómez Noya; os piragüistas Teresa Portela, Cristian Toro, Carlos Arévalo e Rodrigo Germade; os regatistas Támara Echegoyen, Nicolás Rodríguez e Iago López Marra; o remeiro Rodrigo Conde; o arqueiro Miguel Alvariño; o xogador de tenis de mesa, Alberto Seoane; Juan Antonio Saavedra, que compite en tiro adaptado; Agustín Alejos, xogador de baloncesto en cadeira de rodas; Martín de la Puente, xogador de tenis en cadeira de rodas e os atletas Adrián Ben e Ana Peleteiro.

Estes deportistas galegos son algúns dos 25 clasificados ou en fase de clasificación para os Xogos de Toquio 2020, así como participantes nas edicións anteriores dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos, que nesta primeira fase da iniciativa asinarán contratos de patrocinio.

Os participantes deberán incorporar nos seus equipamentos oficiais de competición ou de adestramento os logotipos da campaña NON da Secretaría Xeral de Igualdade, da Xunta de Galicia e do Xacobeo 2021. Ademais, terán que difundir a través das súas redes sociais, alomenos unha publicación mensual relacionada coa loita pola tolerancia, a igualdade entre mulleres e homes e contra a violencia de xénero.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, cualificou a estas deportistas como ídolos e exemplos a seguir para a mocidade e resaltou o potencial educativo do deporte para inculcar valores como a tolerancia e a igualdade. Por iso, avogou pola implicación das institucións e tamén do mundo do deporte para colaborar na educación na igualdade entre mulleres e homes e na loita contra a violencia machista.

Pola súa parte, o secretario xeral para o Deporte felicitou aos deportistas polo seu exemplo de esforzo e superación; así como tamén os animou a seguir comprometidos cos valores da igualdade e a loita contra a violencia de xénero.

Estes contratos de patrocinio intégranse no convenio de colaboración no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero en materia de deportes. A iniciativa inclúe tamén medidas como campañas de prevención e sensibilización fronte a violencia de xénero dirixidas ás nenas e nenos, aos adolescentes e á mocidade, para que interioricen a igualdade como un valor esencial para a convivencia entre mulleres e homes. Estas iniciativas leváranse a cabo en espazos deportivos e difundiranse a través dos clubs galegos de alta competición.

O acordo tamén fai referencia á dotación de equipamento da campaña NON contra a violencia de xénero para o colectivo arbitral e a posta en marcha do programa Xogade, unha campaña con deportistas en centros educativos. Nesta liña de colaboración integrase o convenio con estes deportistas olímpicos para que sexan embaixadores na loita contra a violencia machista.

A colaboración en materia de deportes forma parte dunha serie de acordos ratificados entre os distintos departamentos da Xunta e con colectivos sociais para impulsar medidas de carácter integral e transversal ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.