Nova
15/03/2024
Institucionais

‘Xogade coas motos’ seguirá levando a primeira experiencia de motociclismo aos nenos e nenas galegos grazas ao apoio da Xunta

A segunda edición do programa levado a cabo pola Secretaría Xeral para o Deporte da man de VF Timing e da Federación Galega de Motociclismo, comeza mañá en Monterroso (Lugo) para viaxar despois a San Cibrao das Viñas (Ourense), A Laracha (A Coruña), As Pontes de García Rodríguez (A Coruña) e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra)

Santiago, 15 de marzo de 2024.- A Xunta de Galicia, da man de VF Timing e da Federación Galega de Motociclismo, vén de anunciar o calendario da segunda edición de ‘Xogade coas motos’, a actividade de motociclismo do Programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar), dirixido a todos aqueles rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos que queiran probar unha moto de velocidade por primeira vez e que, de novo, viaxará polas catro provincias galegas ata a fin de 2024. Cómpre salientar que no programa de 2023 participaron uns 110 rapaces e rapazas dos cales unha decena xa adestran con frecuencia de cara a comezar a competición nos vindeiros anos.

En total serán seis eventos que circularán por Galicia: mañá 16 de marzo terá lugar o primeiro evento en Monterroso (Lugo) que xa conta co aforamento completo e a participación de 40 nenos e nenas. Máis tarde o programa viaxará a San Cibrao das Viñas (Ourense) o 27 de abril; á Laracha (A Coruña) o 25 de maio; a Betanzos (A Coruña) o 29 de xuño; ás Pontes de García Rodríguez (A Coruña) o 31 de agosto; e a Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) o 12 de outubro.

‘Xogade coas motos’ pretende fomentar o motociclismo de base facilitando o acceso dos máis pequenos á velocidade. A actividade ten como finalidade saber se ao neno gústalle o deporte do motociclismo, polo que non se trata dunha competición. Os máis pequenos terán acceso gratuíto ás motos, monos e cascos para realizar distintos exercicios de habilidade que serán dirixidos por monitores que valorarán o nivel do pequeno e informarán aos pais do nivel no que se atopan. Trátase dunha primeira toma de contacto que permite que os nenos con inquedanzas polo motociclismo poidan achegarse a este deporte sen que os pais teñan que facer o investimento inicial, así como asesoramento para a súa práctica habitual en escolas, circuítos ou competicións. Ademais, estas xornadas son posibles grazas ao seguro do Programa Xogade, a cargo da Xunta de Galicia.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, subliñou a importancia de achegar o deporte de motor aos máis pequenos e con toda a seguridade, nun momento no que moitos dos rapaces e rapazas queren imitar aos seus ídolos que están a destacar no panorama mundial do motocrós, como Jorge Prado, Rubén Fernández ou Yago Martínez; ou do trial, como Gabriel Marcelli ou Jorge Casales.

O horario da xornada de mañá será de 10,00 a 12,00 horas da mañá e de 16,00 a 20,00 da tarde. Polo serán o campión galego de minimotos, Iker García realizará unha exhibición e falará cos demais nenos e nenas das súas experiencias. Ao final da xornada entre os sete monitores da actividade escollerase a un neno ou nena para compartir un día de carreira con pilotos en activo no circuíto de Outeiro de Rei (Lugo).