Nova
17/11/2017
Eventos

A Xunta afonda na súa aposta polo deporte como un xeito de enriquecer a actividade turística galega durante todo o ano

Marta Míguez destacou que nestes tres días Expourense vivirá a “unión perfecta” entre deporte e turismo activo e salientou a participación no salón de 34 federacións e clubs de toda Galicia

Ourense, 17 de novembro de 2017.- Máis dun cento de profesionais reúnense desde hoxe e ata o domingo en Ourense no I Salón do Deporte e Turismo Activo, Sportur, unha iniciativa na que se programarán durante toda a fin de semana desde charlas e conferencias ata propostas de lecer activo e exhibicións deportivas para todos os públicos coa intención de promover o potencial de Galicia como destino activo e saudable.

Durante este encontro afóndase, ademais, no binomio entre turismo e deporte no que a Xunta de Galicia está a apostar como un xeito de enriquecer a actividade turística galega durante todo o ano. Así o expresaron esta mañá a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, e a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, durante a inauguración do Salón.

“Estamos comprometidos con ofrecer un turismo activo de calidade, un turismo verde, responsable, sustentable e tranquilo”, explicou Nava Castro, recordando que así se plasma na Estratexia de turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do turismo galego coa que a Administración autonómica traballa xunto co sector. Neste sentido, puxo como exemplo iniciativas como as preto de vinte experiencias de turismo activo e deportivo postas en marcha este ano para realizar nos parques naturais galegos que inclúen propostas de kaiak, sendeirismo, rutas BTT, rutas a cabalos, paddle surf ou paddelboard, entre outras moitas.

Trátase de experiencias que, como explicou a responsable de Turismo da Xunta, demostran como o turismo activo está a axudar a coidar a nosa contorna natural, así como a contribuír ao desenvolvemento económico do rural galego e a facer de Galicia un destino cunha oferta especializada e atractiva todo o ano.

Pola súa banda, a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, destacou que nestes tres días Expourense vivirá a “unión perfecta” entre deporte e turismo activo e salientou a “participación activa” no salón de 34 federacións e clubs de toda Galicia, a gran maioría cun expositor propio. Así tamén, a responsable de Deporte galego subliñou a convocatoria especial para os técnicos e xestores municipais a través das charlas que terán lugar ao longo dos tres días e nomeadamente na mañá de hoxe. Neste sentido, a secretaria xeral asistiu á conferencia ‘Galicia Activa como ferramenta para o fomento da Actividade Física Saudable e como referencia de Recursos en Galicia’ impartida polo director xerente da Fundación Deporte Galego.

Segundo dixo Marta Míguez, Sportur“é un proxecto que amosa o que son o deporte e o turismo, non como actividades individuais ou colectivas, senón como instrumentos para xerar impacto económico aproveitando os recursos do territorio”. “Unha iniciativa que nace coa vontade de unir máis se cabe a estes dous ámbitos que tanto teñen que ver e compartir; as tanxencias de deporte e turismo son espazos que desde a Xunta de Galicia debemos explotar convenientemente para acadar o beneficio da nosa sociedade e dos nosos cidadáns”. engadiu.

Organizado por Expourense  coa colaboración de Turismo de Galicia e a Secretaría Xeral para o Deporte, Sportur celebra este ano a súa primeira edición con diversas actividades que teñen lugar nas instalacións de Expourense. Dirixido a deportistas, profesionais e tamén afeccionados, o Salón inclúe a participación de máis de 100 expositores con empresas do sector, asociacións e federacións deportivas. Tamén están programadas actividades formativas, conferencias e exhibicións abertas a todos os públicos.