Nova
04/03/2022
Institucionais

A Xunta ampara a sinatura do protocolo entre as federacións de piragüismo española, portuguesa e galega que dará lugar á nova Liga da Eurorrexión

A Liga Eurorrexión estará composta por catro regatas -pista de sub23 e sénior, maratón de xuveniles, sénior e veteranos, travesía e caiac de mar de cadetes a veteranos e Trofeo Xacobeo de Novas Promesas- dúas a celebrar en Galicia e outras dúas a celebrar na zona norte de Portugal

Pontevedra, 4 de marzo de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na sinatura dun protocolo que dará lugar á nova Liga da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. Os asinantes do acordo foron o presidente da Real Federación Española de Piragüismo, Javier Hernanz; o presidente da Federación Galega de Piragüismo, José Alfredo Bea; o presidente da Federación Portuguesa de Canoa, Víctor Manuel Taborda; e mais o presidente da Federación Galega de Piragüismo, José Alfredo Bea. O secretario xeral para o Deporte destacou que con este protocolo, “Galicia confirma a súa posición como potencia internacional do deporte náutico en xeral e do piragüismo en particular” e subliñou a importancia das “sinerxías cun país veciño e amigo de fonda tradición padexeira como Portugal”.

O protocolo asinado entre as tres federacións de piragüismo permitirá optimizar os seus recursos dispoñibles co obxectivo de mellorar os resultados deportivos, a participación e a organización de eventos deportivos ibéricos e internacionais, a formación de adestradores e o establecemento de estratexias comúns na política exterior. Un dos principais obxectivos será preparar aos padexeiros e padexeiras de cara aos Xogos Olímpicos de París 2024, así como o pulo das actividades de fomento e divulgación do piragüismo na Península Ibérica. O devandito protocolo abrangue aos 62 clubs galegos de piragüismo e a todos os clubs da zona norte de Portugal, pero non é excluínte a calquera club do resto de ambos os dous países coa finalidade de potenciar as actividades nas diferentes eurorrexións.

A Liga Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal organizarase nas categorías de Maratón, Caiac Polo, Slalom e Velocidade. Ademais, a tenor do protocolo, realizaranse concentracións conxuntas e outras actividades de tecnificación; colaborarase na organización de eventos deportivos internacionais; contribuirase á formación conxunta de adestradores, particularmente no Congreso de Pontevedra 2022; realizaranse actividades arbitrais e de colaboración mutua e definiranse estratexias comúns no marco da política exterior da modalidade para reforzar o papel de ambos países no panorama internacional.

Liga Eurorrexión

Segundo o protocolo asinado hoxe, a Liga Eurorrexión estará composta por catro regatas -pista de sub23 e sénior, maratón de xuveniles, sénior e veteranos, travesía e caiac de mar de cadetes a veteranos e Trofeo Xacobeo de Novas Promesas- dúas a celebrar en Galicia e outras dúas a celebrar na zona norte de Portugal.

Ambas as tres federacións acordaron coa Xunta de Galicia definir tamén un proxecto europeo elixible a longo prazo para captar fondos internacionais que contribúan ao desenvolvemento do programa.