Nova
22/06/2021
Institucionais

A Xunta anuncia a licitación da primeira fase do Parque Acuático de Monterrei que será “referencia en todo o noroeste da península”

Terá un orzamento de preto de 5 millóns de euros, estará rematada no verán de 2022 e ocuparase dos accesos, os espazos infantís e a construción das novas piscinas

Pereiro de Aguiar (Ourense), 22 de xuño de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, anunciou na mañá de hoxe a licitación das obras de construción da primeira fase do parque acuático no Complexo Lúdico Deportivo de Monterrei cun orzamento de preto de 5 millóns de euros (4.833.197,14 euros) distribuídos en dúas anualidades, 2021 e 2022. O anuncio foi publicado no día de onte na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

Esta primeira fase do parque acuático encargarase de tres puntos principais como serán os accesos, os espazos infantís, así como as novas piscinas. Deste xeito levarase a cabo a “creación dunha nova zona de acceso e un aparcamento; un novo edificio de acceso, con vestiarios, zona de administración e oficinas; nova zona de xogos acuáticos para idade infantil; reformulación da zona das piscinas actuais, aproveitando os vasos existentes coa incorporación de novas funcionalidades e tobogáns; creación de novas zonas de lecer; así como a dotación de novas instalacións de saneamento e abastecemento”. No acto de presentación, o secretario xeral estivo acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén e tamén contou coa presencia do presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar e do alcalde de Pereiro de Aguiar, Luís Menor.

Segundo informou o secretario xeral, esta primeira fase terá unha duración estimada de 10 meses e lembrou que a empresa que resulte adxudicataria poderá reducir o prazo en dous meses. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 19 de xullo.

Lete Lasa lembrou a inauguración hai tres meses, da fase deportiva do Complexo Deportivo de Monterrei que incluiu a construción dun pump track indoor para bicicleta BTT e deportes urbanos, ademais dunha pista polideportiva descuberta, unha pista de tenis cuberta e outra descuberta, dúas pistas de pádel cubertas e outras dúas descubertas e a ampliación da cuberta da pista de atletismo.

Tras a posta en funcionamento desta primeira fase do parque acuático, que estará lista no verán de 2022, Lete Lasa informou que será a quenda da segunda, terceira e cuarta fase do parque acuático que neste intre atópanse en revisión técnica. A segunda fase -encargada do río lento- estará rematada no verán de 2023 e a terceira e a cuarta fase -que se ocuparán das zonas de adrenalina e multiaventura- finalizará no verán de 2024.

10 millóns de euros para un proxecto para toda a familia

O proxecto de reforma do novo Complexo Deportivo de Monterrei conta cunha zona deportiva e unha zona acuática como dúas partes diferenciadas e independentes. O orzamento total da actuación roldará os 10 millóns de euros e será cofinanciado ao 50% entre Xuntade Galicia e Deputación de Ourense. A actuación proxectada ten unha clara vocación de servizo ao público xeral, dirixida prioritariamente á xeneralización da práctica da actividade física saudable e da práctica deportiva e do ocio familiar. As novas instalacións permitirán ampliar a actual oferta deportiva e, sobre todo, acadar a súa desestacionalización dando servizo os 365 días do ano. Cómpre lembrar que durante a execución das obras poderanse utilizar en todo momento as instalacións xa existentes ou finalizadas.

O futuro parque terá en conta as posibilidades de lecer que rodean a este espazo e que forman parte do actual complexo mantendo a contorna natural, os espazos verdes e a vexetación existente, creando un lugar agradable para os seus visitantes. O complexo deportivo de Monterrei converterase deste xeito nunha referencia de adaptación ao medio e ao entorno natural que rodea o espazo e, por suposto, de sustentabilidade. A eficacia na xestión e a eficiencia enerxética serán aspectos fundamentais para obter unha instalación co maior rendemento social e económico posible.