Nova
27/07/2019
Institucionais

A Xunta apoia o Campionato de España de Xóvenes Promesas de Piragüismo incidindo na importancia de loitar desde todos os ámbitos contra a violencia de xénero

José Ramón Lete Lasa e Susana López Abella presenciaron o Campionato no Complexo Deportivo David Cal (Verducido)

Pontevedra, 27 de xullo de 2019.- O secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella presenciaron hoxe o Campionato de España de Xóvenes Promesas no Complexo Deportivo David Cal (Verducido), titularidade da Xunta de Galicia.

O torneo nacional conta coa participación de 932 deportistas de toda España dos cales 328 son galegos. Cabe salientar que o 38% de mulleres participantes e o 32% de homes son galegas e galegos. No evento a Federación Galega fixo especial fincapé na campaña contra a violencia de xénero coordinada pola Secretaría Xeral da Igualdade e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. O evento foi presenciado por milleiros de persoas nun excepcional ambiente.

Neste 2019 o convenio para o desenvolvemento da actividade deportiva que asina a Xunta coa Federación Galega de Piragüiismo sobe ata os 312.141 euros, e o convenio para o mantemento de Verducido fai o propio ata os 115.000 euros. Ademais, sumando os 60.000 euros achegados pola Secretaría Xeral da Igualdade, a contía destinada pola Xunta á federación ascende ata os 487.141 euros, o máximo histórico e que representa un 31% máis que en 2018. A de piragüismo é a federación que máis cartos recibe da Xunta cun total de máis de 7 millóns de euros desde 2009.