Nova
17/11/2021
Institucionais

A Xunta apoia a volta ciclista “O Gran Camiño” como escaparate do Xacobeo e de Galicia como destino seguro

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e Ezequiel Mosquera como representante de EZE Mosquera Events, asinaron un convenio de colaboración para a celebración da carreira que terá lugar do 24 ao 27 de febreiro do 2022

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2021.- A Xunta apoia a volta ciclista a Galicia O Gran Camiño como escaparate do Xacobeo e de Galicia como destino seguro. Con esa finalidade, o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o representante de EZE Mosquera Events, Ezequiel Mosquera, asinaron un convenio de colaboración para a celebración da carreira, que terá lugar do 24 ao 27 de febreiro do 2022. O acto tamén contou coa presenza do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete.

A Xunta apoia a celebración da carreira ciclista na que a organización promoverá a marca Galicia como destino seguro e o Xacobeo 21-22. A entender de Alfonso Rueda, deporte e turismo unidos dan como resultado beneficios moi importantes para a economía galega”, e máis tendo en conta que o evento deportivo vaise celebrar en temporada baixa.
O vicepresidente primeiro amosou a súa satisfacción pola recuperación dun evento que, como o Camiño de Santiago, “percorre todas as provincias galegas, realízase por etapas e defende os valores da perseveranza, a constancia e o esforzo para chegar á meta en Compostela”. Por iso, recalcou que supón un escaparate de primeiro nivel para o turismo e un factor de reactivación da ocupación hoteleira.

Rueda recordou o acontecido o pasado verán con La Vuelta 2021, que resultou ser unha valiosa plataforma para dar a coñecer Galicia e o Xacobeo en todo o mundo, e vaticinou un éxito similar para O Gran Camiño por coincidir co segundo ano do Xacobeo, cando Galicia ten previsto celebrar “un Ano Santo pleno”.

Alfonso Rueda celebrou que a competición ciclista se leve a cabo no mes de febreiro por coincidir co despegue do segundo ano do Xacobeo 21-22, “cando esperamos recuperar o turismo internacional”. De feito, nos últimos meses xa se constatou a presencia de peregrinos procedentes de países de todo o mundo nas rutas xacobeas e, despois dun verán no que Galicia rozou cifras de ocupación similares ás da prepandemia, tanto a Xunta como o sector confían en chegar ao 2023 superando os cinco millóns de turistas.
Pola súa banda, o secretario xeral salientou a importancia de que Galicia volva a ter una proba ciclista profesional, como o foi a Volta a Galicia entre 1933 e 2000 e que chegou a gañar no ano 1995, Miguel Indurain. A posibilidade de que os mellores ciclistas veñan á nosa terra “para baterse en duelos inesquecibles nos mellores escenarios”, permite que Galicia poida amosar a millóns de espectadores “as súas paisaxes, as súas cidades, os seus activos turísticos, culturais ou industrais e o Camiño de Santiago que vertebra a nosa idiosincrasia e a nosa relación con todo o mundo”. Neste sentido destacou as 33 etapas galegas da Vuelta a España nos últimos dez anos, os máis de 10.000 peregrinos que fixeron o Camiño en bicicleta no que vai de 2021, os cinco centros BTT cos que conta Galicia ou o incremento do número de ciclistas en Galicia desde a pandemia.