Nova
17/02/2023
Institucionais

A Xunta de Galicia abordará coa Federación Galega de Deporte Adaptado a posibilidade de incluír aos deportistas invidentes

O secretario xeral para o Deporte recibiu esta mañá a Marcos Mosteiro Rodríguez que vén de acadar o Campionato de España a cegas en Ciudad Real

Vigo, 17 de febreiro de 2023.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu na Casa do Deporte ao esgrimista Marcos Mosteiro Rodríguez ‘Kiko’ que vén de proclamarse Campión de España no contexto do Torneo Internacional M15 Quijote Ciudad Real e do I Torneo Nacional de Esgrima a Cegas celebrado no Pavillón Príncipe Felipe da cidade manchega.

Lete Lasa valorou o “esforzo, a constancia e a capacidade de superación” de Kiko ao que definiu como un pioneiro da esgrima a cegas en Galicia, xunto co seu primeiro adestrador, Adrián Cubela. O mandatario galego destacou que, “todos os anos de adestramento, prácticas e sacrificios” teñen agora a súa recompensa con esta medalla de ouro que sitúa a Kiko como o mellor esgrimista a cegas do país. O éxito de Kiko, dixo, volve poñer de manifesto o grande nivel do deporte adaptado en Galicia e lembrou que o 87,5% dos deportistas galegos que participaron nos Xogos Paralímpicos de Toquío regresaron entre os oito mellores do mundo.

O secretario xeral para o Deporte agradeceu asemade o traballo realizado polo seu club, o Cidade de Vigo, que introduciu esta modalidade procedente de Italia e que fai un gran traballo de inclusión adestrando a deportistas con e sin discapacidade de xeito conxunto.

Neste sentido, Lete Lasa informou que abordará xunto á Federación Galega de Deporte Adaptado a posibilidade de incluír aos deportistas invidentes nesta federación que na actualidade traballa cos colectivos de deportistas con discapacidade intelectual, física, auditiva e con parálise cerebral. O obxectivo, segundo Lete Lasa, é “facilitar a inclusión dos deportistas invidentes e outorgarlle todas as vantaxes de contar cunha licenza federativa en Galicia”. Este feito sería posible a través dun acordo entre a Federación Galega de Deporte Adaptado, a Federación Española de Deportes para Cegos e a ONCE.