Nova
26/05/2022
Institucionais

A Xunta de Galicia continua traballando co Estado na loita antidopaxe

O secretario xeral para o Deporte e o director da CELAD repasaron o traballo realizado e os obxectivos marcados para o futuro na ‘Xornada de actualización Antidopaxe’ celebrada de xeito virtual a través da aula virtual da Escola Galega do Deporte coa colaboración da Unión de Federacións Deportivas Galegas

Santiago, 25 de maio de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na ‘Xornada de actualización Antidopaxe’ celebrada de xeito virtual a través da aula virtual da Escola Galega do Deporte coa colaboración da Unión de Federacións Deportivas Galegas e a Comisión Española para la Lucha Antidopaje en el Deporte (CELAD) -antiga AEPSAD-. Neste foro, o mandatario galego sinalou cara a “adaptación e colaboración” como chaves para acabar con esta lacra do deporte.

No primeiro caso, lembrou como fai tres anos, en xuño de 2019, constituíuse a Comisión Galega de Control e Prevención da Dopaxe co “compromiso e o obxectivo de acadar a limpeza do deporte e a saúde dos nosos deportistas a través de labores de sensibilización e de información, así como da actividade sancionadora da man da que, naquel momento, era a Agencia Española de Protección de la Salud en el Deporte (AEPSAD), coa que se asinou un convenio de colaboración”. Así, o mandatario galego informou que a Xunta de Galicia traballará coa CELAD na elaboración dun novo convenio que permita realizar controis antidopaxe a nivel autonómico a partir da tempada que vén. Deste xeito, dixo o secretario xeral, o Goberno galego continúa a súa actualización de cara a loita antidopaxe da man do novo Código Mundial aprobado en 2021 e agradeceu a participación na xornada do director da CELAD, José Luis Terreros.

Esta colaboración, dixo o secretario xeral, “é fundamental para loitar contra a rápida evolución da dopaxe” que hoxe ameaza a deportes coma a halterofilia e á súa continuidade nos Xogos poñendo en risco a carreira olímpica de moitos deportistas galegos. A Xunta de Galicia, dixo, “defenderá sempre os valores do sacrificio, a constancia e a honestidade do deporte e estará sempre ao carón dos deportistas”.