Nova
22/02/2017
Federativas

A Xunta de Galicia, a Federación Galega de Fútbol e a Federación Galega de Fútbol Sala manifestan a súa vontade de acordo para acadar a unificación destas dúas entidades

A secretaria xeral para o Deporte destacou a “cordialidade” no que se desenvolveu a reunión e agradeceu o “compromiso e a vontade de consenso” que amosaron ambos os dous presidentes

Santiago, 22 de febreiro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, mantivo hoxe nas dependencias desta institución unha xuntanza de traballo cos presidentes da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán e da Federación Galega de Fútbol Sala, Juan Probaos. Neste encontro constituíuse unha comisión xurídica para analizar a integración da Federación Galega de Fútbol Sala na Federación Galega de Fútbol e solucionar así os conflitos de competencias que poidan darse debido á situación actual de convivencia das dúas federacións por separado.
A secretaria xeral para o Deporte destacou a “cordialidade” no que se desenvolveu a reunión e agradeceu o “compromiso e a vontade de consenso” que amosaron ambos os dous presidentes. Neste aspecto, Marta Míguez salientou que é importante recuperar o espírito de coordinación acadado en 2012 cando foron asinados acordos nos que se establecía unha adaptación normativa da Federación Galega de Fútbol Sala á Real Federación Española de Fútbol.
A máxima responsable do deporte a nivel autonómico apuntou que a Xunta debe apostar por “unha mellor organización, funcionalidade e administración deportiva tanto no ámbito autonómico como no estatal”. “Todas as nosas accións deben estar orientadas ao beneficio dos nosos deportistas que, neste caso, están representados polas 62.703 licencias de fútbol e as 25.253 licencias de fútbol sala existentes en Galicia”, concluíu.