Nova
27/03/2022
Institucionais

A Xunta de Galicia lamenta o pasamento de Eduardo Dapena Lis `Cholo’, “eterno capitán dun equipo de lenda como o Pontevedra do ‘Hai que roelo'"

Cholo Dapena recibiu en 2013 nun acto celebrado en Ourense da man do presidente da Xunta de Galicia a distinción ao mérito deportivo de Galicia

Pontevedra, 27 de marzo de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, en nome do tecido deportivo galego, lamenta o pasamento do ex xogador de fútbol Eduardo Dapena Lis ‘Cholo’. Na actualidade ostentaba o cargo de presidente de honor do Pontevedra Club de Fútbol, club que capitaneou durante os mellores anos da súa historia na década dos 60 cando militou seis temporada en Primeira División entre 1963 e 1970. 

O mandatario galego definiu a Cholo como “o eterno capitán dun equipo de lenda como o Pontevedra do ‘Hai que roelo’” e asegurou que o seu “gran legado persoal e deportivo permanecerá sempre ligado á vila de Pontevedra e ao equipo granate”. “Historias de pioneiros como Cholo son as que precisan os nosos pequenos e pequenas para que cada vez haxa más nenos que queiran imitar os pasos das grandes iconas de Galicia”., apuntou. 

Lete Lasa enviou unha mensaxe de apoio aos familiares e achegados de Cholo, así como a todo o grupo do Pontevedra. Cholo Dapena recibiu en 2013 nun acto celebrado en Ourense da man do presidente da Xunta de Galicia a distinción ao mérito deportivo de Galicia que recoñece a labor ou traxectoria, notoria e exemplar no ámbito deportivo de Galicia, ás persoas físicas ou xurídicas, entidades ou organismos, que contribúen ao crecemento, promoción, fomento e excelencia do deporte e a educación física en Galicia.