Nova
18/01/2019
Institucionais

A Xunta de Galicia lamenta o pasamento de Manuel González Soto, presidente do Balonmán Chapela

González Soto recibiu das mans do presidente da Xunta a Distinción ao Mérito Deportivo de Galicia 2013 en recoñecemento a toda a súa traxectoria

 

Santiago, 18 de xaneiro de 2019.- A Secretaría Xeral para o Deporte, en nome do seu titular, José Ramón Lete Lasa, lamenta o pasamento no día de hoxe do presidente do Balonmán Chapela, Manuel González Soto. Do mesmo xeito, a Xunta de Galicia transmite as súas condolencias a toda a familia e amigos do falecido, así como aos veciños do Concello de Redondela, especialmente da parroquia de Chapela.

O secretario xeral gabou a figura de Manuel González Soto como “xogador, adestrador, directivo e presidente” e destacou que foi un home que “brillou en todas e cada unha das facetas que desempeñou”. “O seu traballo en prol do deporte e do balonmán galego será sempre recordado por todos e por todas, o legado que Manuel nos deixa é inmenso”, indicou.

Manuel González Soto levaba corenta anos vencellado ao Balonmán Chapela e desde o pasado mes de novembro o pavillón no que xoga os seus partidos leva o seu nome. González Soto recibiu das mans do presidente da Xunta a Distinción ao Mérito Deportivo de Galicia 2013 en recoñecemento a toda a súa traxectoria.