Nova
02/05/2022
Institucionais

A Xunta de Galicia participará na renovación das pistas de atletismo de Balaídos cunha achega de 3 millóns de euros

O secretario xeral para o Deporte remitiu esta mesma semana unha carta ao alcalde de Vigo trasladando a “conformidade cos termos xerais da nova instalación, incluídos os económicos” e reiterando “o carácter prioritario desta actuación” para a Xunta de Galicia

Santiago, 29 de abril de 2022.- A Xunta de Galicia participará na renovación integral do estadio municipal de atletismo de Balaídos, aceptando a solicitude do Concello de Vigo para a sinatura dun convenio de colaboración que suporá un investimento total de 7.678.055 euros e dos que a Xunta de Galicia achegará arredor do 40%, ata 3 millóns de euros. Así o vén de confirmar o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, que, nesta mesma semana, remitiu unha carta ao alcalde de Vigo trasladando a “conformidade cos termos xerais da nova instalación, incluídos os económicos” e reiterando “o carácter prioritario desta actuación” para a Xunta de Galicia. Este feito prodúcese días despois do Consello da Xunta do xoves 21 de abril no que o presidente do Goberno galego informou sobre esta situación.

Neste sentido, a Xunta de Galicia celebra que o Concello de Vigo decidise en xullo de 2021 asumir o proxecto de remodelación do estadio de atletismo de Balaídos, sete anos despois de que goberno autonómico e local acordaran a reforma das pistas. Naquel momento, as dúas administracións asumiron unha intervención por un importe de 2,7 millóns de euros, achegando a Secretaría Xeral para o Deporte 2,3 millóns de euros e o concello os restantes 400.000 euros. Dende aquel intre, a Xunta reserva ano tras ano nos seus orzamentos unha partida para comezar canto antes as obras nas pistas e agarda a decisión do concello para poder executar a obra, como agora é o caso. 

Cómpre lembrar que a anulación do PXOM de 2008, en sentenza do Tribunal Supremo do 10 de novembro de 2015, esixía ao Concello de Vigo unha serie de modificacións urbanísticas pertinentes para poder comezala obra, tal e como confirman o informe da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia (2017) como o do Consello Consultivo de Galicia (2018).
A Xunta de Galicia ratifica a total vixencia do seu compromiso e amosa a súa absoluta colaboración co Concello de Vigo, como así o leva facendo desde o pacto acordado respecto as pistas de Balaídos no ano 2014. Do mesmo xeito ofrece ao Concello de Vigo o proxecto de obras de reforma do complexo de atletismo de Balaídos en Vigo, encargado e sufragado pola Xunta de Galicia e que posúe desde o ano 2015 e está a disposición de reunirse co concello para traballar na proposta definitiva.

Pistas IFEVI
Ante o bloqueo do Concello de Vigo para levar a cabo a obra das pistas de atletismo de Balaídos, a Xunta de Galicia adxudicou en xaneiro de 2022 as obras do módulo cuberto de atletismo do Instituro Feiral de Vigo (Ifevi) que vén a paliar a situación de parálise que vive o atletismo vigués e que suporá unha unha solución para que os atletas vigueses poidan adestrar todos os dias do ano nunha pista cuberta, sen límite de capacidade, con independencia da situación meteorolóxica e que quedará instalada para sempre dentro do patrimonio do deporte de Vigo. As novas infraestruturas deportivas, das que se verán beneficiados preto de 1.000 atletas repartidos entre os 15 clubs da área metropolitana de Vigo, contarán cunha recta de atletismo de 60 metros de lonxitude e seis rúas, ademais de catro zonas diferenciadas para a práctica do salto de lonxitude e triplo salto, lanzamento de peso, salto con pértega e salto de altura. O módulo de atletismo será executado 40 días despois do remate da obra de ampliación do Ifevi, que se contempla para o mes de maio.

Esta actuación ratifica a aposta da Xunta pola busca de solucións polivalentes que reforcen algúns dos recintos feirais da Comunidade, co obxectivo de impulsar a compatibilidade cos usos deportivos como sucede coa pista de atletismo cuberta de Expourense e co rocódromo do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.