Nova
11/03/2020
Institucionais

A Xunta dispón que toda competición deportiva oficial autonómica celebrada na comunidade sexa disputada a porta pechada e na medida do posible suspendida ou aprazada

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, comunicou as medidas adoptadas pola Xunta de Galicia no eido deportivo a raíz da epidemia do novo coronavirus na reunión do Foro de Deporte Federado onde asistiron os representantes das federacións deportivas de Galicia

Santiago, 11 de marzo de 2020-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presidiu no serán de hoxe a sétima reunión do Foro de Deporte Federado ‘Optimizando sinerxías’ celebrado no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública. Alí, o mandatario galego comunicou as medidas adoptadas polo Goberno galego no ámbito deportivo, unhas medidas, amparadas, dixo, nos principios da “prevención, serenidade e responsabilidade”, subliñando que todo o tecido deportivo debe enviar unha mensaxe de unidade, apoiada sempre nos criterios das autoridades sanitarias competentes.

En detalle o secretario xeral enumerou as medidas tomadas pola Xunta de Galicia e a súa Comisión Interdepartamental para o seguimento do coronavirus COVID-19 e outras enfermidades emerxentes, no ámbito deportivo. En primeiro lugar, “a suspensión da competición do Programa Xogade”. A campaña de actividade lúdico deportiva Xogade (Xogos Galegos Deportivos en idade escolar), é unha iniciativa promovida e financiada pola Xunta de Galicia, co obxectivo de levar a actividade a todos os concellos galegos e brindarlles aos escolares a posibilidade de practicar e competir cos clubs e colexios de toda a comunidade autónoma.

En segundo lugar, “a celebración de toda a competición deportiva autonómica federada, como mínimo, a porta pechada”, unha medida que completou dicindo que “os organizadores poderán adoptar alternativamente o aprazamento ou a suspensión das competicións, unha decisión que aplaudimos desde a Xunta de Galicia”. No caso de gran afluencia de deportistas, deberase valorar cada caso particular.

O obxectivo primordial destas medidas, que terán unha vixencia de 14 días desde a súa aprobación no día de mañá e que serán acompañadas por outras complementarias, é minimizar os prexuízos e riscos de clubs, deportistas e espectadores.

Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte vén de habilitar un novo enderezo electrónico para as consultas estritamente deportivas (incidencias-federacions.deporte@xunta.gal) co obxectivo de canalizar todas aquelas incidencias, casuísticas, traslado de información ou dúbidas non sanitarias relacionadas co desenvolvemento da actividade deportiva e que puidesen estar afectadas como consecuencia da situación de COVID-19. Lémbrase que a Consellería de Sanidade ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116 para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto.