Nova
01/08/2017
Institucionais

A Xunta e a Axencia Española para a Protección da Saúde no Deporte (AEPSAD) asinarán un convenio de colaboración para o desenvolvemento coordinado de políticas antidopaxe

Nesta reunión estiveron presentes, ademais da Secretaría Xeral para o Deporte, representantes da Consellería de Sanidade e membros directivos da Axencia Española para a protección da Saúde no Deporte (AEPSAD)

Santiago, 1 de agosto de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, acompañada polo subdirector de Plans e Programas, Miguel López e pola vicexerente do Sergas, Raquel Vázquez, mantivo na mañá de hoxe un encontro de traballo coa delegación da Axencia Española para a protección da Saúde no Deporte (AEPSAD) conformada polo seu director, José Luis Terreros, o xefe de Departamento de Control da Dopaxe, Jesús Muñoz e o xefe de División de Asuntos Xurídicos, Agustín González. Na reunión que tivo lugar na Sala de Xuntas da Secretaría Xeral, os representantes da Xunta de Galicia e do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, avanzaron na elaboración do decreto de creación da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe.
Tras realizar unha promenorizada análise da situación da lexislación do control da dopaxe a nivel local, estatal e mundial, atendendo ao código mundial antidopaxe e aos criterios da Axencia Mundial Antidopaxe (AMA) e da Axencia Española para a protección da Saúde no Deporte (AEPSAD), os diferentes responsables reunidos hoxe na EGAP acordaron continuar coa tramitación do decreto que dará lugar á Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe. Paralelo á aprobación da Comisión, a Xunta de Galicia e a AEPSAD asinarán un convenio de colaboración para o desenvolvemento e implementación de políticas de prevención e represión da dopaxe coordinando as actuacións antidopaxe entre os entes autonómico e estatal como pode ser a colaboración no desenvolvemento de controis ou campañas de sensibilización.
Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte abordará a modificación da Lei 3/2012 do Deporte de Galicia para a súa adecuación ao código mundial antidopaxe na procura dunha mellor coordinación no exercicio das competencias da loita contra a dopaxe autonómicas e nacionais.
Tras a reunión, a secretaria xeral asegurou que todas as Administracións “temos que estar todos unidos nestas accións” polo que “imos seguir desenvolvendo o decreto sempre baixo a directiva e a atención da AEPSAD para que non haxa duplicidade de accións”. Respecto ao convenio que asinarán Xunta e Axencia, Marta Míguez dixo que este acordo servirá “para que poidamos ir xuntos da man na protección da saúde no deportista federado e daqueles que fan uso habitual do deporte nos ximnasios privados ou outras actividades deportivas en xeral que tamén é a nosa responsabilidade”. “É unha experiencia piloto porque somos a primeira comunidade autónoma que asina un convenio coa Axencia neste sentido e imos procurar ser un exemplo para o resto de autonomías”, engadiu. Tocante á Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe, a secretaria xeral sinalou que esta incluirá “accións educativas, de intelixencia, de tratar de evitar que se xeren estes malos hábitos en moitos ámbitos”
O obxectivo da reunión é a creación desta ferramenta que outorgue a Comunidade Autónoma de Galicia os instrumentos necesarios para acabar con calquera situación referida ao consumo de substancias prohibidas no deporte a través dunha adaptación dos criterios da Axencia Mundial Antidopaxe (AMA) e da Axencia Española para a protección da Saúde no Deporte (AEPSAD). Grazas á Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe, poderanse levar a cabo tamén políticas de prevención e información sobre o consumo destas substancias non beneficiosas para a saúde dos deportistas. A comisión será multidisciplinar e nela estarán representados todos os axentes da saúde e do deporte de Galicia.
Esta reunión ten lugar un mes despois de que a Secretaría Xeral para o Deporte iniciara o trámite de participación cidadá que debe desenvolver con carácter previo á elaboración do proxecto de decreto que desenvolverá a Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe. A través desta consulta pública dáse cumprimento ao establecido no artigo 133 da Lei 39/2015 de procedemento administrativo que obriga a compilar a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas potencialmente afectadas polos futuros regulamentos acerca dos problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os obxectivos da norma e as posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.
Lei 3/2012
O título VIII da Lei 3/2012 do Deporte de Galicia, establece a actuación autonómica de prevención e de loita contra a dopaxe no deporte. O artigo 130 di que a “a Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe é un órgano administrativo, adscrito ao órgano autonómico competente na materia deportiva, ao que se lle atribúen as competencias en materia de defensa da saúde do deportista e de prevención e control da dopaxe no ámbito da Comunidade Autónoma” e establece as súas funcións.
Coa creación da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe, a Xunta dará cumprimento a esta previsión normativa da Lei e terá o seu propio órgano de acción destinado a loita contra a dopaxe no deporte.