Nova
07/11/2018
Institucionais

A Xunta e a Federación Galega de Balonmán colaborarán na concienciación contra a violencia de xénero

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na sinatura dun convenio con motivo da celebración o próximo 25 de novembro do Día internacional contra a violencia de xénero

Vigo, 7 de novembro de 2018.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na sinatura dun convenio de colaboración coa Federación Galega de Balonmán co obxectivo de que estes clubes se sumen á campaña do 25 de novembro, Día internacional contra a violencia de xénero. No acto tamén participaron o presidente da Federación, José Luis Pérez; a secretaria xeral para o Deporte; Marta Míguez; e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.

En virtude deste convenio, os clubes de balonmán portarán lazos e pañoletas violetas, e difundirán a campaña da Xunta con motivo do próximo 25 de novembro. O obxectivo é que esta colaboración sirva para dar un paso máis para concienciar a máis persoas, e especialmente á xente máis nova, sobre esta lacra.

De feito, o deporte constitúe unha ferramenta moi útil para aumentar a sensibilización ante este problema. Ademais da escola, que xoga un papel vital e na que a Xunta está a impulsar diversas iniciativas, o deporte resulta tamén fundamental na formación das persoas, tanto a través da súa modalidade profesional, como para os afeccionados e afeccionadas ou o no deporte de base.

Por iso, a Xunta está a redobrar os seus esforzos para acadar a implicación dos distintos deportes nesta loita. O ano pasado comezouse de xeito pioneiro co fútbol profesional, cunha iniciativa que tivo unha gran acollida. Hoxe súmase o balonmán, e o obxectivo é seguir sumando outras federacións deportivas nas vindeiras semanas e que isto sirva como primeiro paso para que se impliquen todas as categorías, especialmente as de base, para estender esta loita aos 365 días do ano.

A Xunta ten marcada entre as súas prioridades a loita contra a violencia de xénero, un camiño no que se require da implicación de toda a sociedade e dunha colaboración fluída e leal entre as distintas administracións.