Nova
26/04/2021
Institucionais

A Xunta e o baile deportivo galego avanzan con paso firme cara a creación da federación

A Xunta segue coa súa aposta polo baile deportivo que en 2024 será incorporado ao programa olímpico a través do breaking (break dance), xa recoñecido como modalidade deportiva e promovido mediante a Liga Galega de Breaking que itinerará por toda Galicia

Santiago, 26 de abril de 2021-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, reuniuse no serán de hoxe coa delegada da Federación Española de Baile Deportivo en Galicia, Graciela Toba, e co directo do Club de Baile Deportivo Narón, Román Romero, para encarar a recta final da constitución da Federación Galega de Baile Deportivo.

Segundo os requisitos contemplados no artigo 54 da Lei do Deporte de Galicia para a creación dunha federación deportiva ex novo débese cumprir a existencia dunha modalidade deportiva recoñecida, o interese xeral da actividade deportiva, a suficiente implantación en Galicia ou a viabilidade económica da nova federación.

Os representantes dos clubs galegos de baile deportivo transmitiron ao secretario xeral garantías para proceder nas vindeiras datas á entrega da acta fundacional outorgada ante notario e subscrita por, polo menos, 30 clubs deportivos con domicilio social en Galicia, constituídos en xunta promotora e onde se xustifiquen os requisitos de constitución. Asemade, na reunión tratouse a elaboración do proxecto de estatutos que conterá a denominación e domicilio, modalidades e especialidades, requisitos de adquisición ou perda da condición de federado e os dereitos, deberes e responsabilidades, a estrutura territorial, a composición, funcionamento e competencia dos órganos de goberno e representación da federación, así como tamén a composición, funcionamento, competencia e sistema de designación dos demais órganos e comités que poidan crearse no seu seo.

Deste xeito, a Xunta de Galicia segue coa súa aposta polo baile deportivo que en 2024 será incorporado ao programa olímpico a través do breaking (break dance). Precisamente, semanas atrás, a Xunta de Galicia recoñecía o breaking como modalidade deportiva e anunciaba a creación da Liga Galega de Breaking que itinerará por Galicia achegando o deporte a todos os galegos e galegas.