Nova
30/03/2022
Institucionais

Xunta e UFEDEGA coinciden na necesidade dun convenio colectivo federativo e avanzan en novas posibilidades de financiamento

O secretario xeral para o Deporte e a directiva da UFEDEGA continuaon traballando nas posibilidades de explotación dos dereitos audiovisuais das competicións dos deportes de equipo, un traballo no que tamén están a AMTEGA e o IGAPE

Santiago, 30 de marzo de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo unha xuntanza de traballo coa directiva da Unión de Federacións Deportivas Galegas (UFEDEGA) para explorar novas vías de colaboración para o tecido federativo deportivo de Galicia. Por parte da UFEDEGA asistiron o presidente Rafael Louzán, o vicepresidente Bruno López e a secretaria Susana Fernández. 

Entre os principais asuntos tratados, os dirixentes de ambas institucións coincidiron na necesidade da redacción dun convenio colectivo para todos os traballadores das 58 federacións deportivas de Galicia. Ademais, continuaron explorando as posibilidades da explotación dos dereitos audiovisuais das competicións oficiais dos deportes de equipo, un obxectivo no que a Xunta leva traballando dende hai tempo de xeito coordinado coa propia UFEDEGA, a AMTEGA e o IGAPE.

Ademais, na xuntanza de traballo mantida na sala de xuntas da Secretaría Xeral para o Deporte debatiuse acerca dun modelo de financiamento público-privado para dotar de maiores recursos ás federacións. Neste sentido, Lete Lasa destacou que, "a pesar do bo momento orzamentario do tecido federativo deportivo de Galicia, que xa se sitúa a niveis precrise, é importante explorar novas vías de financiamento, incentivando á  iniciativa privada a través de novos modelos e propostas".