Nova
17/12/2020
Institucionais

Xunta e UFEDEGA presentan un aplicación que facilita o control sobre os aforos dos espectáculos deportivos minimizando os riscos

  • Segundo Lete Lasa, esta iniciativa supón “un novo paso na loita contra o Covid-19 que volve poñer de manifesto a intelixencia e a capacidade de actuación do noso tecido deportivo diante das complicacións propias de reactivar a competición no medio dunha pandemia”

Santiago, 17 de decembro de 2020-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou na mañá de hoxe xunto á directiva da Unión de Federacións Deportivas Galegas (UFEDEGA), unha aplicación dixital para o control de aforo e accesos aos recintos deportivos, o que supón “un novo paso na loita contra o Covid-19 que volve poñer de manifesto a intelixencia e a capacidade de actuación do noso tecido deportivo diante das complicacións propias de reactivar a competición no medio dunha pandemia”.

Esta acción enmárcase no programa de deporte seguro promovido dende a Secretaría Xeral para o Deporte con motivo da situación actual de pandemia, e que foi posto en marcha co pioneiro protocolo FISICOVID-DXTGALEGO, presentado o pasado 15 de xuño e grazas ao que xa se elaboraron preto de 70 protocolos deportivos.

A aplicación foi presentada pola empresa galega Cluber e permitirá simplificar o control sobre os límites de aforo fixados no DOGA para a celebración de espectáculos deportivos -500 para lugares pechados e 1.000 aire libre para os niveis básico e medio e 250 e 500 para os niveis medio-alto e máximo-.

A aplicación dixital pon na man das federacións un sistema de xestión integral dos accesos e capacidades dos recintos deportivos. Esta ferramenta permite que todo o proceso, dende a compra das entradas, como a vinculación do carné de socio a un código QR ou formulario de inscrición, ata o control de acceso no recinto, poida realizarse sen contacto físico, minimizando os riscos.

Ademais, o sistema incorpora un importante apartado para o control en tempo real da asistencia en calquera tipo de recinto, e posibilita, como gran novidade, a supervisión despois do evento, xa que permite acceder a información recompilada a Administración, coa posibilidade de obter informes automáticos cos datos dos asistentes se fosen necesarios para realizar un posible rastrexo.

Tanto a Secretaría Xeral como a UFEDEGA consideran prioritario que a actividade deportiva se desenvolva desde o respecto, a seguridade, e cumprindo os protocolos deportivos. Do mesmo xeito, agradecen aos titulares das instalacións deportivas a súa colaboración para que os adestramentos e competicións se poidan desenvolver con normalidade, sempre cumprindo cos protocolos aprobados.