Nova
24/11/2021
Institucionais

A Xunta eleva ao máximo os deportistas recoñecidos: 540 de alto nivel, sete de alto rendemento, 30 de base, catro técnicos, dous árbitros e un vitalicio

Coa resolución de novembro, que incorpora 155 deportistas de 187 solicitudes, xa hai deportistas recoñecidos en todas as novas categorías incorporadas co novo decreto

Santiago, 24 de novembro de 2021.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución do 12 de novembro de 2021, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fai pública a lista de persoas deportistas recoñecidas como de alto nivel, alto rendemento e rendemento deportivo de base de Galicia, así como as solicitudes desestimadas e a causa. En total, das 187 solicitudes presentadas, son 155 os deportistas recoñecidos, sendo, 112 deportistas galegos de alto nivel, sete de alto rendemento, 31 de rendemento deportivo de base, tres técnicos e dous árbitros. Un total de 32 deportistas non foron recoñecidos ben por non cumprir os méritos deportivos ou ben por irregularidades no trámite administrativo.

Con esta nova resolución DGAN, xa hai deportistas recoñecidos en todas as novas categorías incorporadas grazas a aprobación do novo decreto de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base publicado polo DOG o pasado 29 de setembro de 2020. Deste xeito, ademais do deporte de alto nivel de Galicia, tamén se recoñece o alto rendemento deportivo -práctica deportiva que aínda non pode ser cualificada de alto nivel pero cuxa proxección indica que estará en condicións de selo- e o rendemento deportivo de base -etapa de desenvolvemento e perfeccionamento previa a acadar o alto rendemento deportivo ou o alto nivel-. O mesmo ocorre coas categorías de técnicos-adestradores e xuíces-árbitros, novos colectivos que se incorporan a figura do alto nivel, a través da Comisión Galega de Avaliación do Alto nivel deportivo.

Entre os deportistas de alto nivel recoñecidos nesta última resolución destacan, entre outros, Tania Elizabeth Yates (piragüismo), David Arcay (pesca e cásting), Manuel Antonio Campos (piragüismo), Martín de la Puente (tenis en cadeira de rodas), Borja Golán (squash) ou Sara Ouzande (piragüismo), ademais dos adestradores Ferenc Szabó (halterofilia), Noelia Pérez (taekwondo) e Luis Alberto Piña (tríatlon e péntatlon moderno), e as árbitras María Bautista (taekwondo) e Zulema González (fútbol).

Con esta nova resolución o número de deportistas galegos recoñecidos ascende ata 584, o número máis alto de toda a serie histórica da Xunta. O total de deportistas divídese en 540 de alto nivel, sete de alto rendemento, 30 de rendemento deportivo de base, catro técnicos, dous árbitros e un vitalicio. Destes 584 deportistas, o 60% son homes (353) e o 40%, mulleres (231). Cómpre salientar que, ademais, hai un total de 14 deportistas con discapacidade.