Nova
16/11/2020
Institucionais

A Xunta enxalza o papel do deporte feminino para acadar a igualdade na sociedade e loitar contra a violencia de xénero

  • A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, mantiveron hoxe en Santiago de Compostela un encontro virtual cos clubs beneficiarios do 1º Plan de patrocinio de equipos de alta competición femininos

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2020.- A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, mantiveron hoxe un encontro virtual en Santiago de Compostela cos equipos beneficiarios do primeiro Plan de patrocinio dos equipos de alta competición femininos de 1º máximo nivel estatal de Galicia 2020 que aproveitaron para destacar a contribución destas formacións no fomento da tolerancia, da igualdade e da non violencia de xénero.

Na xuntanza participaron os equipos femininos de alta competición de fútbol sala, baloncesto, balonmán, fútbol e rugby que resultaron beneficiarios na convocatoria: Ensino Lugo Club de Baloncesto, Club Balonmán Porriño, Club Balonmán Atlético Guardés, Real Club Deportivo de La Coruña SAD, Ourense Club de Fútbol SAD, Club Deportivo Burela Fútbol Sala, Club Poio Fútbol Sala, Cidade de As Burgas Fútbol Sala e Club de Arquitectura Técnica.

Lorenzana dirixiuse ás participantes na xuntanza e indicou que “os equipos femininos e todas e cada unha das xogadoras que os conformades sodes as mellores embaixadoras posibles dos valores que defende á comunidade galega e por suposto a Xunta”. “Sodes nosas referentes á hora de poñer en valor a importancia do deporte como medio de fomento da actividade física saudable, como medio de socialización e cohesión social e como ferramenta de loita pola tolerancia, a igualdade e a non violencia de xénero no deporte e, na vida”, engadiu.

O plan de patrocinio diríxese a equipos femininos de alta competición e está dotado con 150.000 euros froito da colaboración entre a Secretaría Xeral da Igualdade e a Fundación Deporte Galego, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. “O deporte é unha actividade física cun gran potencial na educación e nos medios de comunicación, polo que constitúe un motor de cambio social”, incidiu Lorenzana. A conselleira resaltou que o deporte é un vehículo de aprendizaxe fundamental. “Temos a obriga de utilizalo tamén para conseguir que a igualdade das persoas e a sen razón da violencia en todas as súas manifestacións, e particularmente a violencia contra as mulleres, enraícen como principios básicos de comportamento desde as ideades máis temperás”, engadiu.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete incidiu, pola súa banda, na “alianza estratéxica” do Goberno galego para sacar adiante este primeiro plan e sinalou que non hai “mellores referentes para os nosos nenos e nenas, para que lles digades o importante que é loitar contra a violencia de xénero e a favor da igualdade efectiva entre mulleres e homes, transmitíndolles valores tan importantes como os da tolerancia, a igualdade e a non violencia”.

Lete lembrou que o novo plan de patrocinio dos equipos de alta competición femininos é unha liña de actuación paralela ao undécimo Plan de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición de Galicia, cuxa primeira fase -cun orzamento de máis de 2 millóns de euros grazas á colaboración da Xunta e Abanca dirixida ás entidades que competiron en modalidades deportivas de máximo nivel estatal en categoría absoluta ou sénior ou previa á absoluta entre 2019 e 2020- destaca por unha maior presenza dos equipos femininos (46) e mixtos (4) sobre os equipos masculinos (44).

Ademais de incorporar os logotipos corporativos nas competicións nas que participan os equipos beneficiarios, estes deben levar a cabo un partido dedicado á loita pola tolerancia, igualdade e non violencia de xénero no deporte e na vida. Deste xeito, o Club Balonmán Porriño e o Cidade das Burgas xa celebraron este partido dedicado, e os outros sete equipos celebrarano nas vindeiras datas: Clube Balonmán Atlético Guardés (21 de novembro), Ensino Lugo Club de Baloncesto (22 de novembro), Real Club Deportivo de La Coruña (22 de novembro), Club Deportivo Burela Fútbol Sala (5 de decembro), Club Poio Fútbol Sala (12 de decembro), Club de Arquitectura Técnica (13 de decembro) e Ourense Club de Fútbol (16 de decembro).

Desde o ano 2015 a Xunta mantén un firme compromiso a prol da igualdade e da eliminación da violencia de xénero no ámbito deporte en colaboración coas federacións galegas de fútbol, baloncesto ou balonmán e con iniciativas específicas en espazos deportivos e a súa difusión a través dos clubs galegos. Actualmente a Consellería de Emprego e Igualdade está a desenvolver nas redes sociais o proxecto Coñecendo ás nosas deportistas, que pretende achegar actividades, entrevistas e vídeos co obxectivo de coñecer a vida e opinións de mulleres referentes en distintas modalidades deportivas e dar visibilidade á situación da muller galega no deporte.