Nova
23/12/2020
Institucionais

A Xunta impulsará ao vigués Ricardo Ramilo na súa primeira participación no Dakar na categoría de buggies

  • Tanto a Secretaría Xeral para o Deporte como Galicia Calidade tamén patrocinarán a participación do monfortino Eduardo Iglesias no Rally Dakar 2021, neste caso na categoría de motos

Vigo, 23 de decembro de 2020-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa presentou hoxe na Delegación da Xunta a participación de Ricardo Ramilo Suárez no Rally Dakar 2021 na categoría de SSV (side by side - buggy), que contará co patrocinio da Xunta de Galicia. Cómpre lembrar que tanto a Secretaría Xeral para o Deporte como Galicia Calidade tamén patrocinan a participación do monfortino Eduardo Iglesias no Rally Dakar 2021, neste caso na categoría de motos.

Será a primeira vez que o piloto vigués participe no rally máis duro do mundo e o fará acompañado do copiloto Xavier Blanco, que xa competiu nas edicións de 2012, 2019 e 2020.

Lete Lasa destacou a importancia de que os emblemas da Xunta de Galicia, Xacobeo e Deporte Galego viaxen no buggy de Ricardo Ramilo nesta aventura xa que chegarán a máis de 200 millóns de telespectadores que desfrutan desde as súas casas dun dos rallys máis famosos do mundo e, sen dúbida, o máis perigoso. As grandes actuacións dos pilotos galegos no Dakar están baseadas no “esforzo, o sacrificio e a constancia propios do deporte galego e que teñen moito que ver cos tempos que corren”. Os nosos deportistas triunfarán nesta nova edición do Dakar do mesmo xeito que “toda Galicia tamén triunfará na súa loita contra a pandemia”, sentenciou.