Nova
15/11/2019
Institucionais

A Xunta inaugura a terceira edición do Salón do Deporte e do Turismo Activo ‘Sportur Galicia’ co obxectivo de superar os 10.000 visitantes de 2018

A inauguración de Sportur realízase un día despois da posta en marcha do I Congreso Ibérico de Turismo Deportivo no que participan 20 relatores de España e Portugal que son expertos en turismo deportivo e conta coa asistencia de máis de 300 persoas inscritas

Ourense, 15 de novembro de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola delegada territorial da Xunta na provincia, Marisol Díaz, participou na mañá de hoxe na inauguración do terceiro Salón do Deporte e do Turismo Activo ‘Sportur Galicia’. A inauguración de Sportur realízase un día despois da posta en marcha do I Congreso Ibérico de Turismo Deportivo no que participan 20 relatores de España e Portugal que son expertos en turismo deportivo e conta coa asistencia de máis de 300 persoas inscritas. Esta é a principal novidade desta edición xunto a que tamén estará colocada a pista de atletismo hidráulica coa que conta o recinto feiral e que permitirá realizar probas deportivas como as englobadas no ‘Xogando Atletismo’. En 2018 o Salón reuniu en Expourense a 10.000 visitantes, unha cifra que o secretario xeral confiou en que poida ser superada.

Sportur Galicia 2019 convoca a un cento de participantes e os 4 países representados (España, Portugal, Brasil e Arxentina), entre os que destacan as federacións e clubs deportivos de Galicia e destinos de turismo activo e vinculados coa natureza que comparten espazo con empresas especializadas na organización integral de actividades deportivas entre outros. Entre os expositores procedentes de Portugal destaca a presenza dos parceiros de Turismo Porto e Norte que animou ás cámaras municipais a presentarse como destino activo de proximidade. Dentro desta rexión tamén haberá outros destinos que participan de maneira independente.

Trátase dun evento destinado a todos os públicos (deportistas, afeccionados ou principiantes de todas as idades, ademais das familias) para que poidan coñecer os servizos, produtos e opcións vinculadas co turismo activo e o deporte que ofrecen os expositores. Tamén se converterá nun bo escaparate para as federacións deportivas de toda a comunidade, xa que do cento de participantes, 36 son clubs e asociacións de distintos deportes que aproveitarán a súa presenza en Sportur para promocionarse organizando distintas exhibicións, adestramentos, campionatos e clases abertas para os visitantes.

A cita celebrarase venres e sábado, o que facilitará ademais a presenza de escolares e tamén de estudantes de Formación Profesional procedentes de toda Galicia. A entrada a Sportur Galicia é gratuíta. As novidades desta cita poden seguirse a través da súa web www.sporturgalicia.com ou dos perfiís en Facebook e Twitter. O horario de feira será o mesmo durante os dous días: de 10,00 a 14,00 e de 16,00 a 20,00 horas.