Nova
27/09/2020
Institucionais

A Xunta lanza o primeiro Plan de Patrocinio dos equipos de alta competición femininos de Galicia

  • Este plan xurde da colaboración entre a Consellería de Emprego e Igualdade e a Secretaría Xeral para o Deporte e conta cun orzamento de 150.000 euros

Santiago, 26 de setembro de 2020-. A Secretaría Xeral para o Deporte, a través da Fundación Deporte Galego, vén de publicar o Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición Femininos de Primeiro Máximo Nivel Estatal de Galicia 2020.

Este plan xurde do acordo de colaboración asinado o pasado mes de xullo entre a Secretaría Xeral da Igualdade e a Fundación Deporte Galego, para dar cumprimento ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero a través de medidas como desenvolvemento deste Plan de Patrocinio para equipos femininos. Estas medidas están encamiñadas á loita pola igualdade efectiva de mulleres e homes, tendo en conta o impacto dos clubs nos medios de comunicación, nos espazos deportivos, e nas redes sociais, e, en particular, respecto das nenas e nenos, adolescentes e mocidade, que son destinatarios principais das medidas do devandito Pacto de estado.

Os obxectivos do Plan son previr e sensibilizar fronte a violencia de xénero e a loita pola igualdade efectiva entre mulleres e homes, transmitindo contidos relacionados coa loita pola tolerancia, igualdade e non violencia de xénero no deporte e na vida, entendendo esta actuación como un medio fundamental para a educación da sociedade sen discriminación e que incumbe a todas as persoas.

O Plan conta cun orzamento de 150.000 euros (149.997,65 euros) e no día de hoxe foi comunicada a apertura do prazo de solicitudes ás entidades deportivas que na tempada 2019/2020 contaron con equipos deportivos en competicións femininas de primeiro máximo nivel estatal. Ademais, a competición debe estar estruturada por niveis regulados con ascensos e/ou descensos, desenvolverse en 7 ou máis xornadas e participar no espazo de competición de forma simultánea 5 ou máis integrantes do mesmo equipo regulamentariamente.

Neste sentido, os dez clubs convidados a participar do plan foron o Ensino Lugo Club de Baloncesto na modalidade de baloncesto; o Club Balonmán Porriño e o Club Balonmán Atlético Guardés na modalidade de balonmán; o Real Club Deportivo de La Coruña S.A.D. na modalidade de fútbol: o Ourense Club de Fútbol S.A.D., o Club Deportivo Burela Fútbol Sala, o Club Poio Futbol Sala, o Cidade de As Burgas Fútbol Sala, na especialidade de fútbol sala; o Club de Arquitectura Técnica da modalidade de rugby e o Club Béisbol e Sófbol Cambre da especialidade de sófbol.

Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición de Galicia

O Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición Femininos de Primeiro Máximo Nivel Estatal de Galicia 2020 é unha liña de actuación paralela ao undécimo Plan de Patrocinio Publicitario dos Equipos de Alta Competición de Galicia, cuxa primeira fase foi resolta o pasado 17 de xuño cun orzamento de máis de 2 millóns de euros grazas á colaboración da Xunta de Galicia e ABANCA .

Nesta primeira fase dirixida ás entidades que competiron en modalidades ou especialidades deportivas de máximo nivel estatal en categoría absoluta ou sénior ou previa á absoluta entre 2019 e 2020, tamén cabe destacar unha maior presenza dos equipos femininos (46) e mixtos (4) sobre os equipos masculinos (44). Na segunda fase do plan, que comezará nos vindeiros meses, estímase que outros 113 equipos galegos de alto nivel sexan convidados a participar deste plan da Secretaría Xeral para o Deporte. Tanto o orzamento total do plan, o número de equipos subvencionados e o número de equipos femininos están a experimentar un incremento constante desde a súa primeira edición, na tempada 2009-2010.