Nova
28/09/2021
Institucionais

A Xunta lembra que o deporte non federado pode levarse a cabo aplicando o protocolo FISICOVID-DXTGALEGO

A celebración de eventos deportivos e outras actividades deportivas non federadas de carácter organizado como campus deportivos, campamentos deportivos e outras actividades análogas, como escolas deportivas municipais, poderanse realizar de acordo ao protocolo FISICOVID correspondente

Santiago, 28 de setembro de 2021-. A Secretaría Xeral para o Deporte vén de lembrar que o deporte non federado pode levarse a cabo aplicando o protocolo FISICOVID-DXTGALEGO, tal e como indica a Orde do 25 de xuño de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

O protocolo FISICOVID-DXTGALEGO, dispoñible dende o 15 de xuño de 2020, ten como obxectivo establecer a metodoloxía a seguir polas federacións deportivas galegas no establecemento das medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 no ámbito do deporte galego federado, en primeiro caso, pero tamén estendido ao ámbito do non federado.

Deste xeito, a celebración de eventos deportivos e outras actividades deportivas non federadas de carácter organizado como campus deportivos, campamentos deportivos e outras actividades análogas, como escolas deportivas municipais, poderanse realizar nunhas condicións específicas como as de procurar manter a distancia de seguridade interpersoal, a realización de tests de antíxenos ou o uso da máscara segundo o recollido no protocolo que se lle esixe aos organizadores e que deberá axustarse ao protocolo FISICOVID-DXTGALEGO.

Cómpre salientar que dende o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo Covid-19 -o primeiro que rexeu a actividade en Galicia tras superar o confinamento- a actividade deportiva non federada xa estaba permitida ao aire libre de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e ata un máximo de 25 persoas de forma simultánea, mentres que nas instalacións e centros deportivos podíase realizar actividade deportiva en grupos de ata 25 persoas, sen contacto físico, e sempre que non se superasen os 2/3 da capacidade máxima permitida. Do mesmo xeito, esixíase un protocolo de cada instalación para coñecemento xeral dos seus usuarios, baseado tamén no protocolo FISICOVID-DXTGALEGO. No caso dos eventos deportivos, os organizadores deportivos deberían contar, asemade, co protocolo específico no ámbito do Covid-19.