Nova
12/07/2019
Institucionais

A Xunta patrocina con 38.000 euros o Europeo Júnior 420 e 470 que traerá a Galicia “espectáculo, afluencia, oportunidades, turismo, internacionalidade, beleza e importancia”

Lete Lasa destacou o “grande éxito” acadado onte por Martin Wizner e Pedro Ameneiro ao proclamarse campións do Mundo absolutos de 420 en Vilamoura e definiunos como “o orgullo do noso Centro Galego de Tecnificación Deportiva”

Vilagarcía (Pontevedra), 12 de xullo de 2019-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou na mañá de hoxe na dársena do Centro Galego de Vela o Europeo Júnior de 420 e 470 que terá lugar na Ría de Arousa do 23 ao 30 de xullo. Nada máis comezar as súas verbas, o mandatario galego quixo facer mención do “grande éxito” acadado no día de onte por Martin Wizner e Pedro Ameneiro ao proclamarse campións do Mundo absolutos de 420 en Vilamoura (Portugal).

Lete Lasa dixo dos dous rapaces que son “o orgullo do noso Centro Galego de Tecnificación Deportiva” e púxoos como exemplo para os preto de 400 regatistas -de entre 15 e 24 anos- de 200 barcos provenientes de 23 países de catro continentes, que competirán en Galicia por facerse co Europeo Júnior de 420 e 470. Precisamente, tanto Wizner como Ameneiro competirán no Europeo defendendo o seu título sub-19, así como Jacobo García e Toni Ripoll que veñen de acabar sextos no Mundial de Vilamoura e que tamén pertencen ao CGTD.

Na súa intervención, o mandatario galego gabou o traballo da Real Federación Galega de Vela e valorou a importancia das axudas públicas para a consecución de logros como os de Ameneiro e Wizner e de campionatos como este Europeo que a Xunta patrocina cun total de 38.000 euros. Unha axuda que complementa ao convenio asinado coa propia Federación e que neste 2019 ascende ata os 312.000 euros, sendo a cuarta federación que máis orzamento recibe da Xunta.

En palabras do secretario xeral, o Europeo Júnior de vela das clases 420 (preolímpica) e 470 (olímpica) que se celebrará na “marabillosa Ría de Arousa” terá “espectáculo, afluencia, internacionalidade, oportunidades, turismo, beleza, importancia e, sobre todo, Galicia”. Neste sentido destacou a a cobertura mediática internacional e o impacto directo que terá o evento na hostalería “deixando miles de euros na Ría e en toda a comarca do Salnés”. Do mesmo xeito apuntou que será un momento excepcional para a promoción das Rías Baixas e do Xacobeo 2021 en Europa, Asia, Estados Unidos e Oceanía. O campionato está incluído no programa estatal do 500 aniversario da Volta ao Mundo de Magallanes e Elcano.