Nova
05/11/2026
Institucionais

A Xunta pon en valor a celebración do España-Grecia de baloncesto en Santiago para proxectar o potencial de Galicia como sede de grandes eventos deportivos

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participa na presentación deste encontro clasificatorio entre as seleccións masculinas de baloncesto de ambos os países para o Mundial de Catar 2027 que se xogará o vindeiro domingo 29 de novembro no Multiúsos de Sar

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, Roberto García, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe xunto á presidenta da Federación Española de Baloncesto, Elisa Aguilar, na presentación do encontro de baloncesto que enfrontará as seleccións de España e Grecia o domingo 29 de novembro no Multiúsos Fontes do Sar. O partido, correspondente á última rolda de clasificación para a Copa do Mundo de Catar 2027, será o primeiro encontro oficial que a selección masculina española dispute en Santiago de Compostela e, ademais, será clave para as aspiracións de España na loita por unha das prazas que dan o pase ao Mundial.

Diego Calvo aproveitou a presentación para lembrar o bo momento que atravesa o baloncesto galego, con tres equipos na máxima categoría masculina e outros tres na feminina, e máis de 20.200 licenzas federativas. Tamén sinalou que a presenza da selección española en Santiago contribuirá a proxectar Galicia como escenario de grandes eventos deportivos.

Pola súa parte, o director de Turismo de Galicia destacou o papel dos eventos deportivos como ferramenta de promoción turística e de atracción de visitantes, especialmente dos mercados internacionais. Neste sentido, salientou o apoio da Xunta a competicións de distintas disciplinas a través do Plan Director de Patrocinios do Xacobeo 2027. Así mesmo, puxo en valor o potencial do turismo deportivo en Galicia, que en 2025 atraeu 118.000 visitantes e xerou un gasto total de 31 millóns de euros.