Nova
04/11/2021
Institucionais

A Xunta pon a punto a piscina municipal de Tordoia cun investimento de 40.000 euros en colaboración co concello

Na actuación de acondicionamento da piscina limpáronse e fixáronse as losetas, e realizouse unha importante labor de pavimentación no exterior instalando un pavimento absorbente de impactos de caucho continuo e acabado en cores, así como a colocación de pedra

Tordoia (A Coruña), 1 de novembro de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou o concello de Tordoia para supervisar o estado final da obra de acondicionamento realizada na piscina municipal e que mellora notablemente as condicións de uso para os veciños. Neste sentido, o mandatario galego salientou a importancia do mapa de infraestruturas deportivas de Galicia que grazas ao traballo do Goberno galego en colaboración coas entidades locais e provinciais, “adecúase cada día máis ás necesidades da poboación para que os nosos deportistas poidan adestrar e competir nas mellores condicións”.

Acompañado polo alcalde Eduardo Antonio Pereiro, Lete Lasa comprobou o estado da piscina municipal na que se vén de realizar reformas por importe total de preto de 40.000 euros (39.985,79 euros), dos que a Secretaría Xeral achegou 16.000 euros e o Concello de Tordoia os restantes 24.000 (23.985,79 euros). Na actuación de acondicionamento da piscina limpáronse e fixáronse as losetas, e realizouse unha importante labor de pavimentación no exterior instalando un pavimento absorbente de impactos de caucho continuo e acabado en cores, así como a colocación de pedra. Lete Lasa destacou a importancia do deporte en Tordoia e dos seus deportistas como o halterófilo Martín Liste que xa lle dá nome ao ximnasio municipal e que foi recoñecido pola Xunta en 2019 co Premio Deporte Galego ao Xogo Limpo.

A Secretaría Xeral para o Deporte afianza así o seu compromiso coas infraestruturas deportivas. Dos 32.474.216 euros cos que conta en 2021 (un 28,5% máis que en 2020), 9,15 millóns serán destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020 cando se destinou ao mesmo obxecto 4,2 millóns de euros.