Nova
15/05/2020
Institucionais

A Xunta presenta ás 58 federacións a ferramenta de identificación de situacións de contaxio como a “pedra angular” do Plan de Reactivación do Deporte Galego

  • Os obxectivos da nova ferramenta serán a identificación de situacións de contaxio, a análise das posibilidades de tratamento das diferentes situacións, a proposta de medidas que formen parte dun protocolo, a comunicación para que as autoridades poidan adoptar medidas para reducir as situacións de contaxio e o traballo de todo o sector para responder máis rapidamente antes novos brotes

Santiago, 15 de maio de 2020-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou no día de hoxe ás 58 federacións deportivas de Galicia a ferramenta de identificación de situacións deportivas de contaxio do Covid-19 no deporte galego -FISICOVID-19 DXTGALEGO-.

No momento actual, este instrumento responde a un primeiro esquema realizado tras unha diagnose exhaustiva e de forma individualizada con cada unha das preto de 300 especialidades deportivas que se practican en Galicia. A plataforma está aberta para o seu axuste ás necesidades do sector con todas as federacións. Unha ferramenta preventiva, dixo o secretario xeral que “nos permitirá volver á práctica deportiva” e que supón a “pedra angular” do Plan de Reactivación do Deporte Galego.

Os obxectivos da nova ferramenta serán nun primeiro lugar, a identificación de situacións potenciais de contaxio do Covid-19 tanto na práctica libre e adestramentos como na competición, atendendo ás vías recoñecidas ata o momento polas autoridades sanitarias. En segundo lugar, a análise as posibilidades de tratamento das diferentes situacións por parte do tecido deportivo. En terceiro lugar, a proposta de medidas de tratamento do risco de contaxio adaptadas á casuística, e que formen parte dun protocolo, a supervisar con posterioridade, de ser necesario, polas autoridades pertinentes. En cuarto lugar, a comunicación para que as autoridades pertinentes poidan adoptar medidas para reducir as situacións de contaxio e impulsar a práctica deportiva. En quinto lugar, o traballo de todo o sector para responder máis rapidamente ante novos brotes, ou para estar informados de medidas que se poidan e se vaian adoptando.

Por último, a tenor da evolución da ferramenta a Secretaría Xeral para o Deporte irá remitindo as normas que se vaian ditando así como outra documentación de interese e a convocatoria de xornadas, cursos ou xuntanzas.

Expertos e federacións

Na xuntanza virtual mantida cos presidentes das 58 federacións deportivas de Galicia, tamén participaron os doutores en Educación Física, Rafael Martín Acero, Joaquín Varela e Dan Río, que ademais conta coa experiencia de ter sido deportista galego de alto nivel. Estes tres expertos actuaron en representación do comité que está a colaborar coa Secretaría Xeral para o Deporte na xénese da ferramenta FISICOVID-19 DXTGALEGO. Nas súas verbas explicaron a metodoloxía seguida na creación da nova ferramenta e puxeron de manifesto a importancia da práctica deportiva para a mellora do benestar así como a necesidade de personalizar a prevención de situacións de contaxio. Tamén se trasladaron exemplos de éxito de probas piloto levadas a cabo coa nova ferramenta.

A partir deste momento, a Secretaría Xeral para o Deporte continuará en contacto con cada unha das federacións e crearanse grupos de traballo por similitude de características para compartir necesidades e situacións comúns. Ademais desenvolveranse actividades formativas sobre medidas ante o Covid-19 para o persoal e os directivos de todo o tecido deportivo.

Na súa quenda de intervención, os presidentes das federacións deportivas de Galicia aplaudiron a ferramenta e amosaron a súa colaboración para perfeccionar a mesma, atendendo ás particularidades de cada práctica deportiva que se examinarán con minuciosidade.