Nova
15/05/2025
Institucionais

A Xunta presenta a Liga de Break que na súa quinta edición terá unha modalidade Open e outra federada

O secretario xeral para o Deporte fai fincapé no apoio ao baile deportivo nos últimos anos e destaca o 1º Campionato do Mundo de Hip Hop Coreográfico celebrado en Narón co apoio da Xunta cun gran éxito da delegación galega

Santiago, 15 de maio de 2025.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, presentou na mañá de hoxe a Liga Xunta de Galicia de Break que neste ano 2025 levará a cabo a súa quinta edición. Por vez primeira a liga mesturará competición Open e federada para animar a que participen máis persoas e superar o centenar de inscritos en 2024.

O mandatario galego destacou a xuventude e a frescura dun deporte nacido nos anos 70 pero que xa formou parte do programa olímpico nos Xogos de París 2024 e subliñou a importancia que ten en Galicia para o deporte de base, xa que máis da metade das 1.121 licenzas coas que conta a Federación Galega de Baile Deportivo son de rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos.

Neste sentido destacou a algúns dos mellores bboys e bgirls de Galicia como José Ángel Salazar (Gizmou), David Amor (Amor) ou Alicia Babarro (Mini Ali) que, a pesar da súa mocidade xa conseuiron importantes fitos a nivel autonómico e nacional. Lete Lasa subliñou a carreira de Mini Ali e amosou a súa confianza de que poida demostrar o seu potencial nos vindeiros Xogos Olímpicos da Xuventude que terán lugar en Dakar en 2026.

O secretario xeral para o Deporte fixo fincapé no apoio ao baile deportivo nos últimos anos por parte da Xunta coa posta en marcha desta Liga de Break en 2021, o recoñecemento da modalidade deportiva de breaking e a creación da Federación Galega de Baile Deportivo en 2022 ou a Liga Galega de Hip Hop nacida en 2024. Precisamente, nesta fin de semana vén de celebrarse o 1º Campionato do Mundo de Hip Hop Coreográfico en Narón co apoio da Xunta cun gran éxito da delegación galega.

Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, salientou a importancia de ofrecerlle á mocidade galega alternativas de lecer saudable vinculadas co deporte e que, ademais, forman parte da cultura urbana. Tal e como incidiu Lara Meneses, un dos obxectivos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é colaborar con iniciativas de tempo libre que favorezan o enriquecemento persoal e vital dos máis novos. Así se fai, tal e como explicou, coa oferta de verán que este ano ofrece 11.630 prazas, o que supón un novo récord histórico.

A Liga Xunta de Galicia de Break comeza este sábado 17 de maio en Noia na súa modalidade Open. O 31 de maio viaxará ata Ourense e o 5 de xullo a Porto do Son, ambas xornadas federadas. 0 19 de xullo terá lugar a xornada de Verín, en Open. 0 26 de xullo será en Vigo en modalidade federada e rematará o 21 de setembro en Santiago en Open.