Nova
11/12/2020
Institucionais

A Xunta presenta o II Congreso Ibérico de Turismo Deportivo como un foro necesario no que turismo e deporte se volven a dar a man en tempos de pandemia

  • O secretario xeral para o Deporte refírese á “capacidade de adaptación dos galegos para poder salvagardar o noso deporte -que potencia a nosa saúde- e o noso turismo -que potencia a nosa economía- en tempos de pandemia”

Santiago, 11 de decembro de 2020-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron na mañá de hoxe por videoconferencia na presentación do II Congreso Ibérico de Turismo Deportivo que terá lugar os días 16 e 17 de decembro en Expourense en formato híbrido podendo seguirse presencialmente desde Expourense ou de forma virtual.

O secretario xeral para o Deporte dixo na súa quenda de palabra que “unindo turismo e deporte, ou o que é o mesmo, deporte e turismo, a nosa sociedade gaña enteiros” polo que lembrou como fai tres anos a Secretaría Xeral ideaba o Salón do Deporte e do Turismo Activo Sportur Galicia e tamén falou do pacto vitalicio reflectido na Estratexia de Turismo 2020 na que se contempla expresamente o fomento da práctica deportiva e dos eventos deportivos ou do propio Congreso Ibérico de Turismo Deportivo, nacido en 2019.

O Congreso Ibérico de Turismo Deportivo nace “como un espazo no que coñecer casos de éxito de destinos e modelos españois e internacionais que poden ser adaptados e reproducidos por outras entidades”. “É precisamente esa capacidade de adaptación, esa intelixencia que sempre nos caracterizou aos galegos para saír airosos das máis complexas situacións a que nos ten que guiar para poder salvagardar o noso deporte -que potencia a nosa saúde- e o noso turismo -que potencia a nosa economía- en tempos de pandemia”, explicou.

Deste xeito, Lete Lasa refiriuse ao “traballo intenso e coordinado entre todos os axentes do tecido deportivo” que conseguiu que o deporte federado estea exceptuado das restricións grazas a preto de 70 protocolos de actuación para federacións, instalacións e campionatos ou tamén cinco guías nas que se establecen as medidas básicas a ter en conta en todas as variantes do xogo.

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que Galicia é "un enclave privilexiado para a práctica de moitos deportes" e para a Xunta o deporte é "unha aposta prioritaria como vía de diversificación e desestacionalización turística e diferenciadora que nos permite contar cunha oferta ampla e de calidade, que nos fai ser un destino turístico cada vez máis competitivo".

"Os valores que van parellos co turismo deportivo cobran agora máis importancia trala pandemia xa que as actividades ao aire libre e en contacto coa natureza ganan peso nas preferencias do viaxeiro”, explicou Nava Castro, quen destacou que a Xunta está a piques de publicar o novo decreto que regulará o turismo activo.

II Congreso

O II Congreso Ibérico de Turismo Deportivo está organizado pola Secretaría Xeral para ou Deporte, a Axencia Galega de Turismo, a Deputación Provincial de Ourense e Expourense. Trátase dun evento dirixido aos profesionais do sector como poden ser as Administracións públicas con competencia en deporte ou en turismo; federacións deportivas; pemes e autónomos do sector do deporte e o turismo; axencias de viaxes; clubs e empresas do deporte e ao alumnado e profesorado de ensinos deportivos ou turísticos. A asistencia, física ou en liña, é de carácter gratuíto e necesita de inscrición previa a través da web http://congresoturismodeportivo.com/. Nestes momentos supéranse xa os 150 rexistrados.

Analizar as claves para a reactivación do turismo activo e deportivo e aproveitar as oportunidades xurdidas dos cambios nos intereses e necesidades do viaxeiro que provocou a pandemia serán os obxectivos do II Congreso Ibérico de Turismo Deportivo. Este evento contará coa participación de 25 expertos de España e Portugal que tamén presentarán os distintos protocolos e recomendacións para celebrar eventos e competicións deportivas que integren todas as medidas preventivas para garantir a seguridade.