Nova
26/05/2017
Federativas

A Xunta presenta Sportur Galicia como unha iniciativa que aúna o deporte e o turismo galegos para acadar o beneficio da nosa sociedade e dos nosos cidadáns

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, sinala que O I Salón do Deporte e do Turismo Activo terá un dobre obxectivo que dará a coñecer Galicia “como destino activo e saudable, como unha terra que ofrece multitude de opcións para gozar do deporte e das actividades ao aire libre” e ademais, animará “a todo o mundo, e especialmente aos galegos e galegas, a practicar todas estas actividades”

Ourense, 26 de maio de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, presentaron este venres na cidade das Burgas o I Salón do Deporte e do Turismo Activo ‘Sportur Galicia’, unha iniciativa que “xunta dúas das áreas de maior importancia para Galicia como son o noso turismo e o noso deporte, dous ámbitos que tanto teñen que ver e compartir”. “As tanxencias de deporte e turismo son espazos que desde a Xunta de Galicia debemos explotar convenientemente para acadar o beneficio da nosa sociedade e dos nosos cidadáns”, engadiu.
Nesta liña, a máxima responsable do deporte en Galicia garantiu este beneficio xa que “o turismo e o deporte galegos son activos que xeran unha gran cantidade de factores positivos para a nosa comunidade”. Por unha banda, a actividade física “axúdanos a consolidar uns hábitos de vida saudables que afasten a posibilidade de enfermidades provocadas polo sedentarismo” e por outra, “o turismo é un dos principais baluartes do nosos sistema financeiro”.
O I Salón do Deporte e do Turismo Activo ‘Sportur Galicia’ terá, segundo a secretaria xeral, un dobre obxectivo que dará a coñecer Galicia “como destino activo e saudable, como unha terra que ofrece multitude de opcións para gozar do deporte e das actividades ao aire libre” e ademais, animará “a todo o mundo, e especialmente aos galegos e galegas, a practicar todas estas actividades”.
Na presentación que tivo lugar na Delegación Territorial de Ourense, Marta Míguez sinalou como mostra da íntima relación entre turismo e deporte accións como “o Camiño de Santiago, as experiencias de turismo BTT (bicicletas todo terreo), as competicións de golf, o Pantín Classic, o sendeirismo, os deportes acuáticos ou as carreiras populares”.
Nesta liña se manifestou tamén a directora de Turismo de Galicia quen recordou o potencial de Galicia no eido do turismo activo e do deporte, apuntando a que a combinación de ambos “enriquece a experiencia dos que nos visitan e axuda a coñecer de preto algunhas das paisaxes máis espectaculares do noso destino”, explicou.
Neste sentido, Nava Castro fixo referencia á aposta polo turismo activo do seu departamento incluída na Estratexia do Turismo 2020 que identifica a natureza como unha das fortalezas do noso destino, sendo a primeira razón pola que nos visitan. Tamén se referiu a que a boa imaxe da paisaxe e natureza precisa tamén de iniciativas turísticas e produtos especializados. “Nesta liña estamos traballando, porque o desenvolvemento desta oferta é o que nos permite complementar o turismo en espazo rural e atraer a gran demanda de rutas por sendeiros, montaña, aventura e outras modalidades de turismo activo”, explicou.
I Salón do Deporte e do Turismo Activo ‘Sportur Galicia’Sportur Galicia dotará a Expourense os días 17, 18 e 19 de novembro dunha gran mostra do turismo activo e do deporte existente en Galicia. Esta escolma estará configurada polas iniciativas presentadas por concellos e outras entidades; as ofertas das empresas de equipamentos para o deporte e a aventura e das empresas especializadas na venda de paquetes turísticos que inclúan actividades deportivas; as actividades promovidas polas asociacións e federacións deportivas de Galicia; seminarios e charlas especializadas en preparación física, prevención de lesións, nutrición ou xestión de infraestruturas; a presentación dos destinos turísticos participantes; exhibicións deportivas e accións de networking entre empresas e potenciais compradores.
Cómpre destacar que o I Salón do Deporte e do Turismo Activo ‘Sportur Galicia’ coincidirá coa celebración na cidade de Ourense da Carreira Popular de San Martiño.