Nova
08/03/2022
Institucionais

A Xunta presume da calidade e igualdade do balonmán galego tras a clasificación dos seus mellores equipos -Guardés e Cangas- para a Copa da Raíña e do Rei

Lete Lasa asegura “que ambos os dous equipos se clasifiquen simultaneamente para unha competición na que xogan os oito mellores equipos de España, é unha noticia marabillosa nun día tan importante de visibilización da igualdade como é o 8 de marzo”

Vigo, 8 de marzo de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu aos equipos de balonmán do Mecalia Atlético Guardés e do Frigoríficos do Morrazo Balonmán Cangas que veñen de acadar a súa clasificación para a fase final da Copa da Raíña e da Copa do Rei, respectivamente. A primeira en celebrarse será a Copa do Rei que terá lugar do 25 ao 27 de marzo en Antequera (Málaga), mentres que a Copa da Raíña levarase a cabo do 29 de abril ao 1 de maio en San Sebastián.

Lete Lasa destacou a “enorme calidade” do balonmán galego tanto nos equipos masculinos coma nos femininos, dos que o Cangas e o Guardés son “líderes e referentes” para moitos mozos e mozas que soñan con xogar algún día competicións europeas, como o leva facendo o club da Guarda durante oito anos consecutivos ou como acadou o equipo do Morrazo nas tempadas 2005-2006 e 2015-2016. “Que o mellor equipo feminino e o mellor equipo masculino do balonmán galego se clasifiquen simultaneamente para unha competición na que xogan os oito mellores equipos de España, é unha noticia marabillosa nun día tan importante de visibilización da igualdade como é o 8 de marzo”, dixo.

O mandatario galego recoñeceu a gran campaña que están a realizar tanto o Guardés como o Cangas que, neste momento, transitan polos postos cuarto e quinto das máximas categorías nacionais de balonmán e ratificou o apoio da Xunta de Galicia na presente tempada, lembrando asemade que en 2021 ambos os dous equipos recibiron da Secretaría Xeral para o Deporte preto de 100.000 euros (95.824,90 o Guardés e 99.145,09 o Cangas). Lete Lasa destacou que tanto o Plan de Patrocinio Publicitario para os equipos de alta competición de Galicia como o Plan de Patrocinio Publicitario contra a violencia de xénero dos equipos de alta competición femininos de 1º e 2º máximo nivel estatal de Galicia, seguirán a ser dúas das principais fontes de ingresos destes conxuntos.