Nova
02/06/2022
Institucionais

A Xunta propón que o Estadio Municipal de Atletismo de Balaídos pase a denominarse ‘Alfonso Posada’ na súa homenaxe

O Goberno galego instalará un módulo de atletismo no IFEVI e xa lle trasladou ao Concello de Vigo a súa conformidade cos termos xerais da remodelación das pistas de Balaídos

 

Vigo, 1 de xuño de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na na homenaxe '¡Gracias Alfonso!' que se celebrou con motivo do XIV Trofeo Alfonso Posada no Estadio Municipal de Atletismo de Balaídos. Precisamente, o mandatario galego propuxo ao Concello de Vigo que o devandito estadio pase a chamarse ‘Alfonso Posada’ na súa memoria, tras acordalo de xeito consensuado co presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos.

Lete Lasa recordou a un home “adiantado ao seu tempo que foi todo o que se pode ser no deporte” e que destacou polas súas facetas de atleta, xuíz, adestrador, fundador e presidente do Celta Atletismo e mesmo cronista do atletismo vigués e galego no Faro de Vigo.

O secretario xeral para o Deporte lembrou que en 2013. Alfonso Posada recibiu da man do presidente da Xunta de Galicia a distinción ao mérito deportivo de Galicia e fixo fincapé en que “a mellor homenaxe que se lle pode render a Alfonso é continuar traballando polo atletismo vigués e galego”.

Neste sentido recordou que, unha vez rematada a ampliación do Instituto Feiral de Vigo (IFEVI), a Xunta de Galicia instalará un módulo de atletismo no pavillón 5 na liña de outros modelos de éxito que teñen funcionado en Ourense e Lugo. Asemade, o Goberno galego trasladou ao Concello de Vigo a conformidade cos termos xerais da remodelación das pistas de Balaídos, para cumprir o compromiso que leva defendendo dende 2014. Ambas actuacións beneficiarán directamente ao milleiro de atletas da área metropolitana repartidos en 15 clubs.