Nova
26/06/2020
Institucionais

A Xunta reactiva a Escola Galega do Deporte co primeiro curso en liña para o bloque común de adestradores de nivel I

O curso está destinado ás federacións que se atopan en período transitorio, polo que Lete Lasa manifestou o seu compromiso de chegar ás 58 federacións deportivas e poder ofertar os cursos á totalidade dos 275.000 deportistas federados e para todo aquel interesado que queira formarse como adestrador

Santiago, 26 de xuño de 2020-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de presentar a través dunha xuntanza virtual o bloque común do curso de adestradores deportivos de nivel I das federacións deportivas do período transitorio, na modalidade a distancia da Escola Galega do Deporte. Nas súas verbas dixo que “o coñecemento e a continua aprendizaxe permítenos mellorar notablemente o noso nivel de vida” polo que, durante os tres meses que durou o estado de alarma e tamén nos máis de dez días que levamos en Galicia na chamada nova normalidade, “a Xunta comportouse de maneira responsable atendendo en todo momento a criterios científicos e sanitarios dos mellores expertos para poder adoptar na nosa terra as mellores medidas que posibilitaron que fósemos a primeira comunidade en abandonar o devandito estado de alarma”. Unhas decisións que, polo que respecta á Secretaría Xeral para o Deporte, foron “en todo momento, consensuadas cos deportistas, clubs e federacións”. Hoxe, apuntou, preto da metade das federacións deportivas “xa teñen practicamente elaborados os seus protocolos de volta á actividade deportiva, seguindo as pautas marcadas pola ferramenta FISICOVID- DXTGALEGO”.

Neste sentido destacou tamén o convenio de colaboración asinado entre a Secretaría Xeral e a UFEDEGA para o desenvolvemento de actuacións de formación, asesoramento e apoio ás federacións deportivas galegas no que se aborda a reactivación da Escola Galega do Deporte. Para o mandatario galego, trátase dun “momento histórico” xa que esta é a “primeira edición dun curso en liña e a primeira actividade formativa desde fai case dez anos”.

O curso de adestradores deportivos de nivel I está destinado para aquelas federacións que se atopan en período transitorio, é dicir que camiñan cara a un contido curricular propio de ensinos de réxime especial recoñecido por educación como xa o teñen algunhas federacións galegas. Nesta primeira quenda serán as de boxeo, halterofilia, karate, kickboxing, loita, remo e taekwondo. Con todo, Lete Lasa manifestou o compromiso da Xunta para chegar ás 58 federacións deportivas e poder ofertar estes cursos á totalidade dos 275.000 deportistas galegos federados e para todo aquel interesado que queira formarse como adestrador.

Bloque común de nivel I a distancia

A Escola promove e autoriza os ensinos deportivos no período transitorio que desenvolven as federacións deportivas galegas, conducentes á obtención do diploma de adestrador deportivo de Nivel I, II ou III do deporte correspondente.

Neste caso particular do bloque común de nivel I a distancia, o curso está deseñado para que en 5 semanas o alumnado, coa axuda dun profesor e utilizando esta plataforma virtual, consiga os coñecementos teórico-prácticos sobre os catro módulos de contidos: bases de comportamento deportivo (20 horas), primeiros auxilios (30 horas - 10 delas en sesións presenciais prácticas), actividade física adaptada e discapacidade (5 horas) e organización deportiva (5 horas).

En total, 107 deportistas galegos formaranse como adestradores deportivos de nivel I sen ningún tipo de custo, máis aló dos trámites burocráticos.