Nova
10/07/2019
Institucionais

A Xunta realizará obras na provincia de Ourense por valor de 900.000 euros

A Xunta financiará o total desta actuación cunha achega duns 30.000 euros

Ourense e Cenlle, 10 de xullo de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asinou na mañá de hoxe o convenio de colaboración co presidente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE), Rosendo Fernández, que regulará o subministro dunha carpa para a realización de eventos deportivos. O mandatario galego destacou a importancia desta actuación xa que “o INORDE, sendo unha institución referente para todos os ourensáns e ourensás, conta cunha zona disposta para a realización de diversos eventos deportivos, polo que a instalación da cuberta mellorará o seu uso pola veciñanza e aumentará a práctica deportiva en toda a provincia”.

A carpa para eventos deportivos terá unhas dimensións de 9,35 metros por 8,96 metros e contará cunha estrutura metálica realizada en perfil de aluminio. Segundo o convenio asinado hoxe, a Secretaría Xeral para o Deporte financiará o total desta actuación cunha achega duns 30.000 euros (29.190,03 euros).

Con anterioridade á sinatura deste convenio, o secretario xeral visitou o Concello de Cenlle para avanzar en novas liñas de colaboración co alcalde do municipio ourensán, Gabriel Alén. Do mesmo xeito, supervisou o estado final da obra financiada pola Xunta de Galicia cunha achega superior aos 3.300 euros (3.303,30 euros) e que supuxo a colocación de novas balizas, placas e picas para completar a sinalización do circuíto de orientación deportiva existente. Esta instalación é utilizada para realizar percorridos polo medio natural a pé, en bicicleta ou a cabalo nos que hai que localizar puntos de control marcados no mapa. Neses puntos atoparanse as balizas correspondentes a cada percorrido. O secretario xeral destacou o crecemento do deporte da orientación nos últimos anos que conta con 783 participantes e un 33% de mulleres. No convenio deste ano, a Federación Galega recibe da Xunta 26.301 euros, un 56% máis que no 2018.

A xornada do secretario xeral para o Deporte na provincia de Ourense tamén contou cunha xuntanza de traballo co alcalde da Veiga, Juan Anta e co rexidor de Pereiro de Aguiar, Luis Menor.

900.000 euros en 2019

A Secretaría Xeral para o Deporte realiza unha aposta decidida neste 2019 polas infraestruturas deportivas. Nos orzamentos iniciais de 2018 destinábanse un total de 2.833.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia Para o exercicio 2019, a Secretaría Xeral para o Deporte destinará unha contía de 3.934.217 euros -un 40% máis que o destinado inicialmente en 2018-. En total, neste 2019, a provincia de Ourense verase beneficiada por obras que superarán os 600.000 euros nun total de 12 concellos (O Carballiño, Castro Caldelas, Cenlle, A G udiña, Laza, Lobeira, Lobios, Muíños, Riós, San Amaro, San Cibrao das Viñas e Ourense) nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de preto de 400.000 euros.

Ademais, o pasado mes de xuño, o Consello da Xunta autorizou a sinatura do convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Ourense que establece as bases de colaboración entre as partes signatarias e fixa a achega económica que fai posible levar a cabo as obras de reforma do pavillón dos Remedios, no seu 50 aniversario, cun investimento próximo aos 2 millóns de euros (1.987.479 euros). A Secretaría Xeral para o Deporte financia estas actuacións na súa integridade mentres que o Concello de Ourense non levará a cabo ningunha achega económica. Neste primeira anualidade de 2019, a Xunta de Galicia achega a cantidade de 500.000 euros e na anualidade de 2020 sufragará o importe restante. Estas dúas liñas de colaboración representan un financiamento de 900.000 euros para a provincia de Ourense na anualidade de 2019.