Nova
01/08/2019
Institucionais

A Xunta recibe en Vigo ao Club Patinaxe Artística Gondomar en recoñecemento pola súa excepcional traxectoria e polo subcampionato do Mundo acadado en Barcelona

O secretario xeral para o Deporte e a delegada da Xunta en Vigo amosaron o seu compromiso co club e a súa vontade de asistir aos vindeiros campionatos nos que o CPA Gondomar tome partida

Vigo, 1 de agosto de 2019-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, recibiu ao grupo de nove patinadoras -María Balboa. Andrea López, Denís Alonso, Marta López, Nerea Estévez, Silvia Sanromán, Alba Franco, Iria Boullosa e Noa Alonso- que veñen de acadar a medalla de prata na categoría de grupos pequenos show dos World Roller Games de Barcelona e por conseguinte, o subcampionato mundial na súa disciplina. Cómpre lembrar que o pasado 9 de xullo o propio secretario xeral facía entrega ao equipo do equipamento deportivo co que acudiron a esta importante cita mundialista.

O mandatario galego, definiu ás patinadoras gondomareñas, encabezadas pola directiva do club, Tania Díaz, como “un activo fundamental do deporte galego e de toda a nosa comunidade, embaixadoras da nosa terra e referentes para moitos nenos e nenas que comezan a dar os seus primeiros pasos no deporte”. “Só hai que ver a delicadeza e a perfección de movementos nos vosos espectáculos para comprender a beleza de Galicia e das Rías Baixas en toda a súa magnitude”, engadiu. Tanto Lete Lasa como Corina Porro amosaron o seu compromiso co club e a súa vontade de asistir aos vindeiros campionatos nos que o CPA Gondomar tome partida.

O CPA Gondomar foi fundado en 2013 e actualmente conta con 90 patinadores nas súas diferentes categorías e modalidades (libre e show), desde iniciación, niveis, rexional ,e primeira categoría nacional. Este ano acudiu por terceiro ano consecutivo ao Mundial celebrado en Barcelona do 7 ao 14 de xullo acadando a devandita medalla de prata tras un sexto posto en China (2017) e un sétimo en Francia (2018). Son actuais subcampioas de España, de Europa e do Mundo.

O secretario xeral aproveitou estes datos para animar a máis nenas e sobre todo, a máis nenos, a participar na patinaxe artística que a día de hoxe conta con 4.506 licenzas federativas en Galicia sendo o 67% pertencentes a mulleres. A Federación Galega de Patinaxe recibe da Secretaría Xeral para o Deporte a través do convenio un total de 55.375 euros.