Nova
02/05/2019
Institucionais

A Xunta, a USC e a Federación Galega de Fútbol presentan o Congreso Internacional sobre fútbol e psicoloxía como unha plataforma pioneira e orixinal deseñada integramente en Galicia

O programa conxuga sesións teóricas na quenda matinal, con arredor de 145 relatorios agrupados en 31 mesas temáticas, e dúas sesións prácticas pola tarde nas instalacións deportivas da USC onde se desenvolverán diversos obradoiros de fútbol e fútbol sala

Santiago, 2 de maio de 2019-. A Secretaría Xeral para o Deporte, a Universidade de Santiago de Compostela e a Real Federación Galega de Fútbol veñen de presentar unha nova edición do ‘Congreso Internacional sobre fútbol, fútbol sala e psicoloxía’ que terá lugar na Facultade de Psicoloxía do Campus Vida entre os días 30 e 31 de maio e 1 de xuño en xornada intensivas de 9,00 a 21,00 horas.

O programa conxuga sesións teóricas na quenda matinal, con arredor de 145 relatorios agrupados en 31 mesas temáticas, e dúas sesións prácticas pola tarde nas instalacións deportivas da USC onde se desenvolverán diversos obradoiros de fútbol e fútbol sala. Ademais está prevista tamén unha exposición permanente de pósteres e traballos presentados de maneira gráfica polos participantes. No congreso daranse cita relatores procedentes de 33 universidades de todo o mundo e de 57 clubs e entidades deportivas de España, Portugal, Reino Unido, Arxentina, México, Colombia, Brasil ou Estados Unidos.

O subdirector de Plans e Programas, Jorge Rubén Sampedro presentou o congreso como unha “plataforma pioneira de transferencia directa de coñecemento da Universidade ao contorno do fútbol e do fútbol sala, un proxecto orixinal deseñado integramente en Galicia que ofrece formación única a nivel internacional sen antecedentes noutros países”.

Os temas que se tratan neste terceiro Congreso Internacional son temas que tamén teñen moito peso actualmente nas políticas que leva a cabo desde a Secretaría Xeral para o Deporte como as liñas estratéxicas para o deporte galego; o rol dos pais e das nais que tanto nos axudan en programas como o Xogade;o fútbol feminino e o fútbol adaptado, que entre outras iniciativas vimos de poñer en marcha un canle web da CRTVG para que teñan maior visibilidade; ou mesmo a prevención da violencia no fútbol, tras levar a cabo a primeira reunión con contido da Comisión Galega de Control da Violencia e a apertura dos primeiros expedientes sancionadores.