PRESENTACIÓN DE CONTAS E/OU ORZAMENTOS (SÓ FEDERACIÓNS)

Orzamento

O artigo 61.4 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia establece que as federacións deportivas galegas aprobarán en asemblea, e durante o último trimestre do seu exercicio económico, o orzamento correspondente ao seguinte exercicio. O devandito orzamento deberá remitirse á Administración deportiva no prazo dun mes desde a súa aprobación.

Contas anuais

O artigo 37 do Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia establece que:

  • Os/as presidentes/as das federacións deportivas, ou as persoas ou órganos que conforme aos estatutos ou por acordo adoptado polos seus órganos de goberno corresponda, formularán as contas anuais, que deberán ser aprobadas, no prazo máximo de seis meses desde o peche do exercicio, pola asemblea da federación. Xunto coas contas anuais, tamén deberá someterse á aprobación da asemblea unha memoria descritiva das actividades realizadas durante o exercicio económico. 
  • Aprobadas as contas, presentaranse coa memoria descritiva das actividades realizadas durante o exercicio económico no Rexistro de entidades deportivas de Galicia para a súa inscrición. Esta presentación efectuarase no mes seguinte á súa aprobación e, en todo caso, antes do 30 de xullo de cada ano. As contas anuais presentaranse asinadas por todos os membros do órgano de representación da federación obrigada a formulalas. As contas anuais están formadas polos seguintes documentos contables:
    • Balance de situación.
    • Conta de perdas e ganancias.
    • Memoria económica.

Inscrición

A inscrición dos orzamentos e das contas anuais realizarase obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, procedemento PR946A - Inscrición no rexistro de entidades deportivas, e achegarase a seguinte documentación:

  • Para a inscrición dos orzamentos: 
    • Orzamento económico anual asinado.
    • Acta asinada ou certificación do acordo, na que conste a aprobación dos orzamentos.
    • Documento acreditativo da representación, no seu caso. A representación poderá acreditarse por calquera medio válido en Dereito que deixe constancia fidedigna da súa existencia (Art. 5 da  Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas).
  • Para a inscrición das contas anuais (balance de situación, conta de perdas e ganancias e memoria económica):
    • Contas anuais asinadas.
    • Acta asinada ou certificación do acordo, na que conste a aprobación das contas anuais.
    • Memoria descritiva das actividades realizadas durante o exercicio económico (memoria deportiva).
    • Documento acreditativo da representación, no seu caso. A representación poderá acreditarse por calquera medio válido en Dereito que deixe constancia fidedigna da súa existencia (Art. 5 da  Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas).

Envío da solicitude de inscrición

A solicitude de inscrición (PR946A) debe dirixirse a: 

  • Consellería: Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes 
  • A12024281 - Secretaría Xeral para o Deporte