Preguntas frecuentes sobre o Protocolo de protección de nenos, nenas e adolescentes fronte á violencia no deporte

  • A súa adopción é obrigatoria?
  • Si, todas as entidades deportivas deben adoptalo, segundo o artigo 47 da Lei Orgánica 8/2021, de 4 de xuño, de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia. É importante entender que o protocolo busca a implicación voluntaria de toda a comunidade deportiva para crear contornas seguras, non se trata tanto de detectar situacións violentas, que tamén, como de promover espazos seguros e libres das mesmas.
  • Cal é o prazo para adoptalo?
  • A entrada en vigor da Lei Orgánica xa tivo lugar, polo que a adopción debe facerse o antes posible, aínda que non hai sancións previstas pola non adopción.
  • Que hai que facer para adoptar o protocolo?
  • A entidade debe levar o protocolo á súa asemblea e explicalo, comunicalo a todos/as os/as integrantes, aprobar a súa adopción e nomear unha persoa delegada. Consignaranse os datos 1 e 2 do documento e enviarase este documento, asinado electronicamente polo/a representante da entidade, ao Rexistro de entidades deportivas para o seu asento: https://deporte.xunta.gal/gl/inscricion-protocolo-proteccion 
  • Quen aproba o protocolo?
  • A asemblea da entidade.
  • Onde teño que entregalo?
  • Unha vez cubertas as dúas primeiras follas e asinado, o protocolo debe inscribirse no Rexistro galego de entidades deportivas. Esta é a ligazón: https://deporte.xunta.gal/gl/inscricion-protocolo-proteccion
  • Pode facerse un cambio de delegado/a?
  • Si, a Lei Orgánica non regula o procedemento de nomeamento, polo que se xorde a necesidade de nomear outra persoa delegada, pola razón que sexa, remitirase o devandito cambio á delegación da provincia.
  • É posible ter dúas persoas delegadas de protección nas entidades deportivas? Por exemplo, titular e suplente, un/unha delegado/a de protección para cada unha das seccións ou disciplinas do club... 
  • Non, a Lei Orgánica só fala dunha persoa delegada por entidade, sen prexuízo de que esta organice e nomee, dentro da entidade, persoas que lle poidan axudar a detectar ou recoñecer situacións violentas. Tan só unha persoa será a encargada de centralizar os casos e notificalos, se é necesario, ás autoridades competentes.
  • Como se vai actuar segundo o protocolo en casos concretos? No caso de que desde unha entidade se detecte algún episodio de violencia e no caso de que sexa un/unha menor quen alerta de que ocorre algún episodio deste tipo, cales serían os pasos a seguir? Que pautas establece o protocolo?
  • Se o/a delegado/a detecta unha situación, valorará a gravidade da mesma. Se os feitos fosen de carácter grave, notificará o caso aos servizos sociais (ou no seu caso, autoridades xudiciais) e poñerá a disposición do neno ou da nena o teléfono da infancia da Xunta (116111), sen prexuízo de calquera outra medida de auxilio inmediata que poida proporcionárselle: suspensión ou cambio de horarios de adestramentos, reorganización interna, suspensión cautelar do suposto agresor etc.
  • Cales son as sancións polo incumprimento do protocolo ou a súa non adopción?
  • Non existen sancións. A Disposición final 21ª da Lei Orgánica 8/2021, de 4 de xuño, de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia reserva ao Consello de Ministros e ás persoas titulares dos ministerios de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Xustiza e Interior, no ámbito das súas competencias, a competencia para ditar cantas disposicións regulamentarias sexan necesarias para o desenvolvemento da lei, así como para acordar as medidas necesarias para garantir a súa efectiva execución e implantación. Ese desenvolvemento aínda non tivo lugar. Porén, trátase dunha obriga segundo a devandita Lei Orgánica.
  • Que autoridade se encargará de aplicar o protocolo?
  • Cada entidade debe asumilo como parte da súa actuación. Non se trata tanto de que a Administración esixa a súa aplicación como que a entidade aposte pola súa organización como un espazo seguro e libre de violencias, sendo este protocolo unha oportunidade para dotala de recursos nese sentido. Non hai sancións se non se aplica pero a Lei Orgánica 8/2021 subliña a obrigatoriedade de introducilo nas entidades deportivas.
  • Existe formación por parte da Xunta de Galicia para os/as delegados/as de protección?
  • Si, a Secretaría Xeral para o Deporte levou a cabo varias xornadas formativas presenciais nas catro provincias. Nesta ligazón atópanse dispoñibles os vídeos desas xornadas.
  • Que formación debe ter o/a delegado/a de protección?
  • A Lei Orgánica non esixe ningunha formación específica, nin titulación especial. O/a delegado/a poderá ser unha persoa integrante da entidade ou allea a ela, coa sensibilidade e implicación necesarias para promover un espazo de non violencia e detectar posibles situacións.
  • A miña entidade xa adoptou e inscribiu o protocolo no Redega. Agora, que?
  • Dámoslle os nosos parabéns, porque ademais de cumprir co mandato da Lei Orgánica, a entidade demostra o seu compromiso con nenos, nenas e adolescentes. A partir de agora, poderá:
    • Informar na súa entidade das actividades neste eido que organice a súa federación ou a Secretaría Xeral para o Deporte.
    • Ao principio da tempada, o/a presidente/a ou xunta directiva, xunto coa persoa delegada, poderá convocar unha asemblea onde informará da existencia do protocolo e do compromiso da entidade de que sexa un espazo seguro para os/as menores. 
    • Nesa reunión, facilitaráselles unha folla de compromiso (en papel ou por correo electrónico) fronte á violencia para que a cubran (tamén a novos/as socios/as). Estas follas quedarán custodiadas na entidade. Ao rexistro tan só se enviará o protocolo asinado.
    • Comunicaralle ás persoas socias a identidade do/a delegado/a e os medios polos que calquera socio/a pode acceder a el (correo electrónico, teléfono, horario de atención semanal etc.).
    • Se o/a delegado/a detecta unha situación violenta, actuará segundo o establecido no protocolo (punto 11 e 13, de ser o caso).
    • Esixir certificados negativos de delitos de natureza sexual a adestradores/as, monitores/as, técnicos/as, auxiliares, voluntarios/as... da entidade.
    • Aplicar as medidas contidas no punto 12 do protocolo, na medida e segundo os recursos da entidade deportiva.
  • Se na miña entidade non hai menores, debo adoptar o protocolo?
  • Non, non sería obrigatorio adoptalo (artigo 48.1.a da Lei Orgánica 8/2021).
  • A federación pode sancionar unha conduta violenta ou situacións de acoso entre menores?
  • Non, a federación circunscribe a súa potestade disciplinaria, delegada pola Administración, ao establecido na Lei do Deporte, no ámbito estritamente deportivo. Debe acudir á persoa delegada da súa entidade, e de non existir, aos servizos sociais ou corpos e forzas de seguridade, segundo a gravidade dos feitos, para interpor a denuncia correspondente.